A UE designou a mina de litio de Doade como proxecto estratéxico ignorando os seus propios expertos

Solicitudes de información denegadas, un presunto conflito de intereses e un ministerio que non responde. Dous anos de opacidade institucional rodean a designación de Mina Doade como proxecto estratéxico europeo.
Mina de Doade
Modelo 3D do proxecto da mina de litio de Doade.

A Comisión Europea leva dous anos negándose a explicar como seleccionou os proxectos mineiros que considera estratéxicos para a súa seguridade de subministro. Agora, unha investigación do medio alemán Table.Briefings, baseada en máis de 290 páxinas de documentos internos da Comisión Europea, revela o que organizacións ecoloxistas e comunidades afectadas levaban meses sospeitando. 

Polo menos once proxectos, entre eles a mina de litio de Doade (Beariz, Ourense), foron incluídos na lista final de proxectos estratéxicos a pesar de non teren superado a avaliación dos expertos independentes contratados pola propia Comisión.

Os documentos analizados por Table.Briefings mostran que Mina Doade non figuraba no borrador de comezos de 2025, elaborado tras a revisión técnica externa. Apenas unhas semanas despois, xa aparecía na listaxe definitiva. O que ocorreu nese intervalo é precisamente o que ninguén en Bruxelas quere explicar.

Presión política onde debería haber criterio técnico

A investigación apunta a que os Estados membros puideron presentar alegacións ou reclamar reconsideracións tras coñecer a avaliación negativa dos seus proxectos. Segundo informou o xornal portugués Público, a presión política exercida sería determinante para que a Mina Doade acabase na lista definitiva. 

A eurodiputada galega Ana Miranda (BNG) e a portuguesa Catarina Martins (BE) trasladaron estas preocupacións nunha carta á Comisión, na que solicitan explicacións sobre a base legal do proceso que levou á selección de proxectos que “aparentemente non cumprían cos criterios de selección da avaliación técnica inicial realizada por expertos externos”.

A plataforma veciñal SOS Suído Seixo, que agrupa os veciños do contorno afectado polo proxecto de Doade, cualifícao directamente de “tongo”. “Agora entendemos por que existe tanta opacidade ao redor da designación de Mina Doade como proxecto estratéxico e por que a Comisión Europea non nos quería dar acceso aos documentos.” sinala María Lavandeira, a súa portavoz. “Parece que teñen moito que agochar.”

Adriana Espinosa, de Amigas da Terra, describe un patrón sistemático de bloqueo institucional que se estende entre Bruxelas e Madrid. “Levamos case dous anos intentando conseguir unha reunión coa Dirección Xeral de Minas para falar do proceso de selección de proxectos estratéxicos”, explica. 

Varias organizacións ecoloxistas solicitaron formalmente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica coñecer que proxectos españois se presentaran como candidatos, para poder achegar información independente sobre os seus impactos ambientais e sociais. A resposta foi negativa. 

Cando, xa cos proxectos seleccionados, pediron acceso ás avaliacións ambientais e sociais que serviron de base para a designación —incluída a de Mina Doade—, tamén se lles denegou. 

Este xornal contactou co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para solicitar a súa valoración sobre as revelacións de Table.Briefings e sobre o papel de España nas consultas que conduciron á inclusión dos proxectos españois na lista final. Até o peche desta edición, o ministerio non respondera.

Pero o mesmo ocorreu a escala europea. En decembro de 2024, Amigas da Terra e Ecologistas en Acción, xunto con outras organizacións europeas, presentaron ante a Comisión un informe que poñía a Mina Doade como exemplo de malas prácticas. “Non nos responderon absolutamente nada”, di Espinosa. O informe foi remitido tamén ao Ministerio. O resultado foi o mesmo.

En abril de 2025, ante a negativa reiterada a facilitar información básica, 230 organizacións de toda Europa asinaron unha carta dirixida á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, denunciando a ocultación de información e reclamando o dereito de acceso garantido polo Convenio de Aarhus, do que España é parte.

Un experto independente que traballaba para a empresa promotora

Por riba das irregularidades no proceso de selección, a plataforma SOS Suído Seixo denuncia nas súas alegacións un presunto conflito de intereses que conecta directamente a empresa promotora coa avaliación técnica da Comisión Europea. 

Segundo o documento, ao que este xornal tivo acceso, Carlos Martínez Torres foi director de Recursos Minerais de Galicia —a empresa promotora de Mina Doade, pertencente ao holding aragonés Samca— ata agosto de 2024, período no que preparou a solicitude de proxecto estratéxico europeo entregada á Comisión en agosto dese ano.

A partir dese momento, pasou a ser director de Recursos de Galicia (RDG), a empresa mixta público-privada participada pola Xunta. Entre novembro de 2024 e, como mínimo, febreiro de 2025 —xustamente o período no que se estaba a realizar a avaliación técnica dos proxectos estratéxicos— foi contratado pola Comisión Europea como experto independente para avaliar esas mesmas candidaturas. 

As alegacións presentadas pola plataforma SOS Suído Seixo ante a Xunta documentan ademais un conflito de intereses estrutural que vai máis alá da figura de Carlos Martínez Torres. No momento en que a Xunta participou na elaboración e remisión da contestación á avaliación inicial negativa do proxecto, Recursos de Galicia —sociedade público-privada participada maioritariamente pola Xunta— xa mantiña unha participación accionarial significativa en Recursos Minerais de Galicia, a empresa promotora da mina. 

“Unha administración pública con interese económico directo no proxecto participou simultaneamente na defensa institucional da súa candidatura perante as autoridades españolas e europeas”, alertan dende a Plataforma.

O 10 de xullo de 2025, o mesmo día en que a Consellería de Economía e Industria sometía o proxecto a información pública, a xunta xeral de Recursos Minerais de Galicia acordou reducir o capital social da empresa en máis de 13 millóns de euros e permitir que Recursos de Galicia realizase unha achega de 750.000 euros, convertíndose no segundo maior accionista e incorporándose ao consello de administración. 

O resultado é que a titular do órgano substantivo que debe avaliar o proxecto —a conselleira Lorenzana— é ao mesmo tempo membro do consello de administración do segundo principal accionista da empresa promotora, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. As alegacións da plataforma concluén que esta situación “vulnera o principio de imparcialidade da Administración” e evidencia “a absoluta falta de reparo polo respecto aos principios reitores de boa administración”.

A Xunta desentendese; Madrid, silencio

Consultada para esta reportaxe, a Consellería de Industria da Xunta de Galicia respondeu que “no proceso de designación de proxectos como estratéxicos europeos, as comunidades autónomas non interveñen, senón que é o Goberno central quen defende a inclusión destes proxectos no listado”. 

A Consellería asegura que o expediente “está seguindo unha tramitación garantista” e que só se autorizará o proxecto se “se considera que é ambientalmente viable”. Adriana Espinosa sitúa o caso de Mina Doade dentro dun problema estrutural máis amplo. A lexislación mineira española data de 1973 e permite, segundo denuncia, prácticas vetadas noutros países. "China prohibe construír balsas de lodos residuais tóxicos a menos dun quilómetro de núcleos de poboación, mentres que isto en España ocorre constantemente, por exemplo, na mina de Touro”, explica.

Mina Doade non é un caso illado. Segundo a información revelada por Table.Briefings, outros dous proxectos mineiros españois —Las Navas, en Extremadura; e Cobre las Cruces, en Andalucía— tampouco figuraban na lista preliminar presentada pola Comisión o 20 de febreiro de 2025 e foron igualmente incorporados a última hora. 

Amigas da Terra leva tempo advertindo de que os tres son obxecto de forte contestación social polos seus impactos ambientais e sociais e que algúns, como Cobre las Cruces ou o propio Doade, acumulan un historial de irregularidades. Por iso, a organización reclama agora ao Ministerio que aclare se houbo irregularidades na selección dos tres proxectos e que proporcione información sobre os criterios que conduciron á súa aprobación.

Galicia
La UE cava hondo: litio gallego para el nuevo militarismo europeo
En pleno rearme ordenado desde Bruselas, Galicia entra en el tablero geopolítico como potencial proveedor de litio para la industria de defensa. Un enclave de alto valor ecológico en Doade (Ourense) se convertirá en cantera para baterías militares.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...