Galiza aumentou as importacións de gas fósil en 2025 e volve afastarse dos seus obxectivos climáticos

Unha análise de Galiza sen Gas explica como os Estados Unidos desprazaron a Rusia como principal orixe do gas que chega á regasificadora de Mugardos, mentres as centrais térmicas de Sabón e As Pontes dispararon as súas emisións un 20,5%.
acción Reganosa
Acción de Greenpeace en Reganosa. Greenpeace
16 jun 2026 11:56

Galiza retrocedeu o ano pasado no camiño cara á descarbonización e á independencia enerxética. Así o conclúe a plataforma Galiza sen Gas nun informe presentado este martes, no que advirte de que o consumo e a importación de gas fósil medraron en 2025 fronte ao exercicio anterior, nun momento en que a comunidade debería estar a reducir a súa dependencia destes combustíbeis para cumprir os compromisos climáticos.

Segundo os datos recompilados pola organización, a regasificadora de Mugardos, xestionada por Reganosa, recibiu o ano pasado 27.144 GWh de gas natural licuado, un 14% máis que en 2024. Trátase da segunda cifra máis elevada rexistrada desde que a planta entrou en servizo en 2007, e confirma que segue sendo a única vía de entrada deste combustíbel á comunidade, xa que non se importa gas a través de gasoduto.

A instalación recibiu un total de 26 buques metaneiros ao longo do ano. O dato máis salientábel ten que ver coa súa procedencia: por primeira vez, os Estados Unidos converteuse na principal orixe deste gas, con 14 cargamentos, por diante de Rusia, que achegou 11, e de Angola, que enviou un único buque. A plataforma subliña que boa parte do gas estadounidense se extrae mediante fracking, unha técnica especialmente cuestionada polo seu impacto ambiental.

As centrais eléctricas, motor do aumento do consumo

O incremento das importacións ten o seu reflexo no consumo interno. A demanda galega de gas fósil aumentou un 3,6% en 2025, un crecemento explicado fundamentalmente polo papel das centrais de ciclo combinado de Sabón, en mans de Naturgy, e das Pontes, operada por Endesa. Ambas as instalacións incrementaron nun 20,8% o gas empregado para xerar electricidade, o que se traduciu nun aumento equivalente do 20,5% nas súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Con estes números, as dúas centrais convertéronse no segundo e terceiro foco de emisións industriais de Galiza en 2025, só por detrás da refinaría de Repsol na Coruña. Pola contra, o consumo de gas para usos convencionais —basicamente calefacción en fogares e industria— caeu un 4,6%, unha tendencia que, segundo a plataforma, respondería máis a factores puntuais que a un cambio de modelo enerxético. Aínda así, este uso segue representando o 62% da demanda total, fronte ao 38% que absorbe o sector eléctrico.

Sen plan para o desmantelamento e novos proxectos que prolongan a dependencia

O informe denuncia ademais que, lonxe de avanzar cara ao peche das infraestruturas gasistas, 2025 deixou dous feitos que, na práctica, consolidan o seu futuro. Por unha banda, o Tribunal Supremo respaldou a legalización da planta de regasificación de Mugardos tras a derrogación da norma que esixía manter unha distancia mínima de 2.000 metros respecto de núcleos habitados. Pola outra, avanzaron varios proxectos de grandes plantas de biometano —en Laracha, Abadín ou Xunqueira de Ambía, entre outros lugares— pensadas para inxectar este gas renovábel na rede xa existente. Para Galiza sen Gas, esta estratexia, lonxe de ser unha alternativa real, serve para prolongar a vida útil da rede de gas fósil e para ofrecer unha imaxe verde a un sistema que segue a depender maioritariamente dos combustíbeis fósiles.

Aforro e electrificación, as alternativas que propón a plataforma

Fronte a este escenario, a organización reclama dúas medidas prioritarias: por unha banda, reforzar a capacidade de almacenamento e produción de electricidade limpa e adaptar a rede eléctrica para poder pechar antes de 2030 as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes; pola outra, impulsar un programa de aforro enerxético e electrificación que permita substituír progresivamente o gas fósil na xeración de calor en fogares, industria e servizos. Os gases renovábeis, como o biometano ou o hidróxeno verde, deberían reservarse —segundo a plataforma— para usos locais e moi puntuais, naqueles casos nos que non sexa posíbel reducir o consumo ou electrificar o proceso.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...