Dolors Miquel: “Poño constantemente en cuestión a idea de civilización”

A recoñecida autora catalá publica, en tradución ao castelán da tamén poeta Corina Oproae, Mátame psicosis (Temporal Casa Editora), unha brillante proposta que transcende os xéneros literarios para explorar o desexo e a morte.
Dolors Miquel
A poeta Dolors Miquel.

A recoñecida autora catalá publica, en tradución ao castelán da tamén poeta Corina Oproae, tame psicosis (Temporal Casa Editora), unha brillante proposta que transcende os xéneros literarios para explorar o desexo e a morte desde unha perspectiva crítica da civilización contemporánea. Composta por nove episodios, a obra cuestiona a supremacía humana e a tradición cultural que a sostén. Ao longo da entrevista, a amabilidade de Miquel marca o ton das súas respostas.

Desde o título —tame psicosis - Una transmigración en nueve episodios— Miquel sitúa o lector nun territorio inestable entre morte, transformación e desbordamento da identidade. Para a autora, o punto de partida é a conciencia da morte no medio da crise que atravesa a sociedade contemporánea. “A psicose é a do mundo no que vivimos, a da escrita que escribimos e a da escrita que lemos. É imposible vivir no noso mundo sen estarmos psicotizados”, explica. A idea da “metempsicose”, presente na cita do Ulises de James Joyce que abre o libro, sérvelle a Miquel para cuestionar a concepción do “eu” como centro absoluto da experiencia. “É unha transmigración de enerxía que vai dun lugar a outro. Deixa o “eu” atrás e convértese no outro. E sendo o outro volve ser “eu”“. Nese movemento, a identidade disólvese e pode encarnarse en calquera elemento: “Pode ser unha pedra, pode ser un suspiro, pode ser un pastor”. Esta perspectiva implica abandonar a tradición cartesiana que sitúa o ser humano no centro: “Se o home, en lugar de mirar sempre o seu embigo, mirase máis ao mundo e se sentise parte dunha unidade, mudaría completamente a nosa maneira de entender a existencia”.

Animalidade e violencia

Nas primeiras páxinas de tamepsicosis, a maternidade aparece desprazada cara a un territorio desacougante no que o amor e a violencia se entretecen co tabú. O libro explora os límites do que pode pensarse e dicirse sobre o desexo, o corpo ou a familia. “Interésame o tabú, o límite social que todos aceptamos, porque cando xa non hai un espazo sagrado compartido, eses límites vólvense máis visibles”, afirma. Nese contexto formúlase unha das ideas centrais do libro: “Recuperar a animalidade do ser humano, algo que todo o pensamento occidental tentou arrincarnos”. Esa exploración lévaa de novo a un tema que a obsesiona: a relación entre amor e violencia. “Sempre me fascinou a idea de matar por amor”, confesa. “Ves nas noticias: unha nai matou os seus fillos e despois suicidouse. E moita xente véo só como horror. Mais eu entendo a esas mulleres”. A explicación, di, é terrible pero profundamente humana: “O mundo parécelles tan estarrecedor que non queren deixar os seus fillos sós nel. É un acto de amor tan terrible que ninguén o entende”.

A medida que avanza a obra, aparecen figuras humanas que se confunden cos animais, situándose nun mesmo plano de existencia. Para Miquel, esa animalidade ten unha dimensión liberadora, xa que se desprende da separación artificial que a civilización contemporánea estabeleceu entre o humano e o resto do mundo natural. Afirma que non lle interesa a organización binaria do mundo, pero si un certo paradoxo: “É como se para humanizarnos tivésemos que volver ser animais”.

A súa crítica apunta directamente ao modelo de pensamento dominante en Occidente. “Desde Descartes temos a idea de que o home ten diante de si unha materia que está aí para que a utilice. E iso é o que nos levou a este desastre”. Na súa propia escrita, esa ruptura co antropocentrismo aparece de forma explícita: “No meu último libro de poemas afirmo que xa non escribo para as almas humanas, senón para as orquídeas e para os animais”.

Liberdade, política e censura

A escrita de Dolors Miquel suscitou controversias públicas, non tanto por unha vontade de provocar como pola incomodidade que espertan as súas manifestacións. Os seus textos cuestionan rituais culturais, imaxinarios relixiosos ou convencións sociais desde unha posición radicalmente libre. Desde o seu prisma, observa con preocupación o que considera un clima crecente de censura, que vincula cun proceso máis amplo de restrición das liberdades públicas. “Levamos anos vivindo con esa lei —a chamada Lei Mordaza— e non se lle puxo freo a esa deriva”, sinala, convencida de que a censura tende a expandirse se non atopa resistencia.

Ao lembrarmos o episodio recente no que unha concelleira subiu ao escenario para interromper a representación dun monólogo feminista programado polo propio concello, Miquel entende que estes xestos revelan unha forma de domesticación social máis profunda. “Mantéñennos sedados entre as redes, a televisión e todo o demais”, afirma. “Estamos domesticados incluso no noso xeito de protestar”.

Alén dos xéneros: a escrita

tame psicosis é tamén un libro que desafía as categorías literarias tradicionais. Nas súas páxinas conviven poesía, teatro, narración e ensaio. A propia autora afirma a súa vontade de empurrar a escrita máis aló dos límites do xénero. “Amo a poesía, pero xa non podo seguir escribindo só poesía. Necesito máis liberdade”. E os textos deste libro adoptan unha forma híbrida. “Parecen teatrais, pero non me importa se non se poden representar”. Algo que lembra certos textos de Antonin Artaud —Fragmentos dun diario de inferno, por exemplo—, onde a escrita avanza por un camiño difícil de clasificar, sen deixar de ser poesía. Para Miquel: “Trátase de levar a poesía a un texto que pode parecer xornalístico ou científico. É dicirlle á linguaxe: érguete e anda”.

Para Miquel, esa liberdade formal nace tamén dunha experiencia emocional intensa. “Cando escribo penso no amor e na dor”. Aínda que algúns sectores reaccionarios interpretaron a súa obra como blasfema, a etiqueta resulta fondamente allea ao seu imaxinario. Miquel lembra, por exemplo, que un dos seus poemas máis polémicos —aquela versión dun Padrenuestro que pronunciou nos Premis Ciutat de Barcelona en 2016, denunciada e finalmente arquivada— foi escrito como unha homenaxe á súa nai: “Escribino para ela, porque a amo”. Na verdade, o que lle interesa explorar é a contradición humana: “Ás veces podes amar a alguén que fai cousas que para ti son abxectas”.

Non resulta doado pechar unha conversa con Dolors Miquel, con quen as referencias, as preguntas e os sorrisos tenden a se multiplicar. Mais o diálogo acaba regresando á mística, unha tradición que marcou profundamente o seu pensamento. “A miña relación coa mística é absoluta”, recoñece. “Desde nova, por culpa de San Juan de la Cruz”. A fascinación procede da intensidade coa que os místicos (e as místicas) describen o desexo. “No fondo, ten algo moi próximo ao sexo”, explica. “O desexo é unha forza absoluta”. Lucía del Greco subliña, no seu luminoso epílogo, que a escrita de Miquel rexeita toda taxonomía e procura crear espazos abertos de significación. Así tamén acontece coa mística: a forza do desexo oriéntase cara ao divino, pero Miquel observa con intelixencia que se trata da mesma potencia que atravesa a nosa experiencia humana… ou animal.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...