Literatura
Cynthia Menéndez: “A imaxe do Vigo obreiro que eu intento rescatar contraponse á do Vigo turístico que hoxe se proxecta”
Cynthia Menéndez (Vigo, 1993), escritora e libreira, sitúa a súa primeira novela, Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia, 2025), no Vigo industrial para achegarse cunha nova perspectiva ao movemento obreiro, en concreto á folga contra a privatización do estaleiro de Barreras no ano 1997. A obra foi distinguida co premio Antón Losada Diéguez e acaba de ser publicada en castelán pola editorial Pepitas de Calabaza.
En Son coma glaciares os barcos de aceiro, achégaste á folga de Barreras desde a ollada dun neno. Como xurdiron a vontade de rescatar este feito histórico e a decisión de desprazar a perspectiva do relato cara ao fillo dun dos protagonistas da mobilización?
O libro nace dunha pulsión miña de querer facer literatura obreira, un xénero que penso que está pouco explorado na literatura galega e española en xeral e que, de feito, está un pouco denostado. Buscaba introducirme nel para falar sobre a miña cidade e recuperar a idea das persoas de Vigo que se manifestan, que se rebelan, que loitan. Cheguei a esta historia en concreto, que se cadra non é a máis importante nin para o sector naval nin para o movemento obreiro de Galicia, a partir da imaxe do final do libro, que é cando os obreiros se pechan por Nadal no estaleiro e as familias van cear con eles. Sabes cando atopas unha imaxe pola que paga a pena escribir? Esa era a miña imaxe.
E por que falo desde a perspectiva dun neno e non desde a dun dos obreiros? Cando me puxen a investigar, pensei nos perigos que podía ter o relato. Un deles era que os textos sobre o movemento obreiro afástanse ás veces dos códigos literarios e non conseguen conectar co lectorado, que é algo que a novela pode facer dun xeito case máxico a través das personaxes. Outro dos perigos que atopaba era magnificar e facer heroes dos obreiros. Hai un ton ás veces mítico dos homes da revolución, e unha cousa que me encantaba cando facía entrevistas era como se reparaba en que as familias, sobre todo as mulleres, foran as que sostiveran a loita, e non só a través dos coidados, que é algo que estamos máis afeitos e afeitas a escoitar. Porque era moi duro quedar no paro, ou perder horas e cobrar menos; e había vergoña, había culpa, e as mulleres eran as que estaban alí para dicir: “Non, isto non é así e hai que loitalo”. Polo tanto, quería desprazar o foco principal dos obreiros e a voz dun neno ou dunha nena era a medida perfecta, porque miran o mundo sen entendelo ao cento por cento e con abraio.
Pos en valor a dimensión afectiva e o papel da muller na loita obreira nun sector completamente masculinizado. Como te enfrontaches a este reto? Que mecanismos e friccións atopaches ao retratar a realidade social do Vigo dos noventa desde esta “nostalxia crítica” coa que nos achegas á memoria?
Encántame o que dixeches de “nostalxia crítica” porque era absolutamente o ton que quería. Non buscaba falar só sobre o movemento obreiro, senón sobre as familias que sufriron ou que loitaron polo movemento obreiro e a realidade que hai detrás. Dun posto de traballo dependen moitas persoas. Sobre todo quería escribir das relacións entre as persoas e que o texto estivese moi tinguido de colectivo, de grupo, de asociacionismo, conceptos que, se cadra, hoxe están máis diluídos. Hai certos espazos nos que resisten, pero en xeral o mundo está máis individualizado. E todos os seres humanos temos a capacidade de emocionarnos co resto, sensibilizarnos e compartir. En canto ás friccións, non quería que aparecese sinxelamente a nostalxia. A nostalxia para min é perigosa, e por iso me encantou o que dixeches de “nostalxia crítica”. Porque eu quería facer un libro luminoso e bonito, un libro no que as persoas estivesen iluminadas pola luz da literatura e no que os inimigos, a parte negativa da historia, non ocupasen un espazo demasiado grande, senón que sempre fosen as familias as protagonistas. Se cadra, a outra historia do libro, a de Laura e Pedro, está tamén para meter algo de escuridade e non caer nunha nostalxia máis ñoña.
Creo que se ve esa luminosidade, por exemplo, na cea de Noiteboa que comentabas, e tamén ese contraste co individualismo actual. É inevitable facer unha lectura comparativa desa escena co que é o Nadal en Vigo agora mesmo. Supoño que foi algo premeditado.
Xustamente, a imaxe do Vigo obreiro que eu intento rescatar contraponse á do Vigo turístico que hoxe se proxecta, coa cal non estou de acordo. Penso que é un erro. Ademais, como podemos medrar, deseñar unha cidade, e crear unha familia que faga parte da paisaxe dunha cidade borrando o pasado só porque pensamos que non é tan bonito? Para min é unha cousa completamente absurda. Entón contrapoño a idea de Vigo como o lugar de revolución. E non é só Vigo, porque isto se pode ler en numerosas que cambiaron o valor industrial polo valor turístico. Nós temos o do Nadal, pero pasa moito. As cidades parécense cada vez máis, e dá igual se estás en Vigo ou en Londres porque tes nunha esquina esa mesma tenda, esa mesma cafetería. E iso é horrible. Eu quería ir ao carácter: os lugares teñen unha personalidade, unha forma de ser, unha forma de habituarse a si mesmos. E Vigo, para min, é un Vigo caótico no que as persoas loitan, as persoas participan da cidade, e polo menos quería recuperalo.
E logo está esa outra parte escura, que aparece no ámbito individual. A novela vai alternando dúas liñas temporais: a da folga e o proceso de loito que experimenta o protagonista xa de adulto. Que quixeches representar con ese paralelismo?
O que quería facer era precisamente relacionar as dúas derrotas, sobre todo para facer un xogo de espellos co protagonista e darlle aire e espazo á manifestación, pero tamén porque, como persoa e como escritora, estou moi interesada no sentimento do dó e en todo o que nos produce. Con todo isto, tanto na historia principal como na de Laura e Pedro, escollín sabendo que escollía relatos de perda, relatos que non rematan ben, digamos. Quería experimentar esa parte da historia, a das persoas que perden, e falar sobre a memoria nos dous casos. No de Pedro e Laura, de como, cando alguén desaparece da nosa vida, os recordos que gardamos desa persoa van modificándose co tempo. Esa é unha idea que me interesa moito: como, cos anos que pasan, as cousas que recordamos das persoas que xa non están cambian con nós, e ás veces tamén construímos heroes, ou non somos xustas con nós mesmas nin cos nosos recordos.
É moi interesante ese narrador pouco fiable que é, sobre todo, o Pedro adulto, e penso que espella en certa maneira o traballo que fixeches ti como escritora e como investigadora ao ter que tomar decisións sobre como plasmar na narrativa recordos alleos e feitos históricos. Como foi este proceso de documentación?
Pois eu empecei dun xeito moi sinxelo, coa hemeroteca do Faro de Vigo e con algún libro sobre o movemento obreiro en Galicia, intentando facer un mapa de que momentos históricos podían ser interesantes, sen tampouco máis pretensión que a de ver que podía atopar: a historia ía ser a que me atopase. E logo veu a parte de preguntar á xente que traballou nos estaleiros ou que estaba vinculada ao asociacionismo e as mobilizacións en Vigo, non exclusivamente do naval. Decontado entendín que Barreras me interesaba, aínda que no libro apareza coma un estaleiro máis, pola importancia que tiña e porque a xente falaba dun xeito bastante mítico sobre el.
Aparecen como personaxes, por exemplo, os 7G.
Exacto. Eles, por exemplo, están baseados nos Sete Magníficos. Entrevistei a moita xente, e ás veces foi difícil, pero cheguei a un home que aparece nos agradecementos, José Suárez, que fora o presidente do Comité de Barreras no 97. Era dese tipo de persoas que ten moitas anécdotas, e non só se centraba no relato sindical. Xusto a voz que eu estaba buscando. Máis alá do que acontecía no estaleiro, que era importante para min pero xa me chegaba a través da hemeroteca, faloume da Rubia (o bar) e dos plans que facían, de como se compartía. Recalcaba a importancia das familias, das mulleres. Esas entrevistas axudáronme especialmente polo factor emocional.
Traballaches na novela na Residencia Literaria da Cidade da Cultura. Foi nun estadio inicial ou máis avanzado? Como foi esa experiencia?
Foi bastante inicial, no sentido de que o libro estaba moi en construción, pero xa tiña feita parte da investigación, a hemeroteca e as dúas liñas temporais. Foi moi ameno. Javier Peña é marabilloso, e non foi só unha axuda para a novela en si, senón tamén para min como escritora, para entender que tiña que facer o que estaba facendo. Ao final a validación existe, sobre todo no inicio e nunha profesión como a escrita, na que ás veces estás un pouco perdida. A min axudoume moito a estar segura de min mesma.
A nivel de artesanía literaria, notei moito a cuestión da cor. Habitualmente asociamos á industria a cor metálica, a cor das faíscas… Non obstante, Son coma glaciares os barcos de aceiro é un libro completamente azul: o ceo, o mar, os uniformes e incluso o Celta. Por que ese uso poético da cor? E, máis en xeral, por que a poesía?
O da poesía, por exemplo, era unha declaración de vontade. Quería empregar a linguaxe poética, ademais de porque é o meu xeito de ver o mundo, precisamente para falar do movemento obreiro porque non estamos afeitas a iso. Vinculámolo máis ao terreo histórico e a unha linguaxe máis densa, e eu quería que fose un texto luminoso: que a historia deses sete obreiros e as súas sete familias estivese todo o tempo cuberta pola luz da poesía. E o da cor ten que ver tamén con iso. A cor metálica ou gris é a cor que temos en mente cando pensamos nunha fábrica. O gris é a industria, o gris son o fume e o metal. O azul son as persoas que se moven polo medio. Son centos de persoas baixando polas rúas cos monos azuis de traballo. Na novela, o azul é o persoal, o emocional, o colectivo e, por outro lado, a paisaxe: Vigo, o mar. Falar do naval é pensar non só na construción, senón tamén no destino dos barcos. E, por último, o Celta. Gústame ter en conta en que é importante para un lugar, para as persoas do lugar, e o Celta é moi importante para as persoas de Vigo. Quería darlle dalgún xeito un espazo.
A promoción do libro tamén é destacable. Fixeches, por exemplo, unha presentación no estaleiro Cardama, achegando a obra a persoas que pertencen ao mundo da industria naval. Como foi a recepción?
Dábame medo o que pensarían estas persoas ao ler o libro e non atopar un traballo puramente documental, senón a historia do naval vertida en capítulos ínfimos e con outra historia polo medio, pero despois foi marabilloso. Á presentación en Cardama viñeron varios obreiros da época, algúns que entrevistei, e estaban alí co libro para que llelo asinase. Dicíanme: “Eu son Benito e son tubeiro”, por exemplo, unha profesión reflectida no libro, “Eu son Pepe e traballaba nas gradas”, que tamén aparece. Para min iso foi moi emocionante, porque quixera coidar cada detalle ao retratar as diferentes funcións que se desempeñaban no estaleiro. Incluso no medio da presentación contaron as súas experiencias. Houbo tamén algunha ocasión máis na que viñeron persoas que traballan no naval, xa non en Vigo, senón noutros lugares, e que sentiron a mesma conexión e agradecemento por ter espazo na novela.
Efectivamente, eu lin a obra como viguesa e recoñecín e recoñecinme nos espazos. Como se leu o libro no resto do territorio, especialmente en lugares afastados do naval ou mesmo do mar?
Nos espazos nos que a conversa non derivaba tanto no propio naval, interesaba a maneira en que está reflictido o colectivo. Un tema que xorde frecuentemente en clubs de lectura e presentacións é como a xente se xuntaba nas asociacións de veciños e nos bares, e como agora esas xuntanzas xa non acontecen; como hai menos asociacionismo. Tamén se fala de como os nenos facían parte de todo, e agora a infancia está separada do mundo adulto. Eu medrei nun barrio no que iamos todas as semanas á asociación de veciños, á cafetería, ao bar, á ludoteca… Ti estabas coa familia e os nenos formaban parte das cousas que se facían, fosen unha manifestación ou un aniversario. Tampouco digo que as cousas se fixesen mellor antes, pero hai unha ansia de separar os nenos dos espazos públicos, e eu penso con total seguridade que os nenos teñen que medrar no mundo e teñen que formar parte del.
O libro foi publicado en galego pola Editorial Galaxia e logo con Pepitas de calabaza nunha autotradución ao castelán. Como foi realizar este traballo sobre un texto tan apegado ao local, ao propio territorio e á fala de Vigo?
Non foi un proceso nada sinxelo. Cando falei coa editorial, tiven que decidir se contratabamos un tradutor ou o facía eu. Por iniciativa propia, dixen que quería encargarme para controlar o texto, pensando que ía ser máis sinxelo do que en realidade foi. Foi un traballo longo que tivo moitas capas, moitas traducións e moitas revisións. Había cousas das que me era moi difícil despegarme, como construcións que non funcionaban en castelán. O equipo editorial de Pepitas, que é marabilloso (o meu corrector, Eduardo Romero, que estivo aí con cada palabra, e a editora, Julia la Calle) motivoume moitísimo. Foi un libro que se revisou minuciosamente palabra por palabra. Ese xeito tan artesanal de dedicarlle o tempo que merece a cada capítulo fai que te sintas acompañada no proceso.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!