Literatura
Begoña Caamaño e a construción de mitoloxías disidentes
Ler a Begoña Caamaño (Vigo, 1964) é un exercicio que nos fai entrar nun territorio que se move e que interpela. A morte prematura da autora en 2015 deixa un baleiro evidente, pero tamén a necesidade de imaxinar todo o que podería ter sido. Lida hoxe, máis de quince anos despois da presentación da súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul, a súa obra segue a dialogar coas vivencias, experiencias e aprendizaxes do presente.
Escritora serodia, publicou a súa primeira novela Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009) con 45 anos e, tres anos despois, viu a luz Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012). Nos últimos tempos preparaba unha terceira novela con outra muller como protagonista: Sherezade, narradora e protagonista de As mil e unha noites. A súa obra e o seu legado fixérona ocupar un lugar destacado na literatura galega, que a fixo merecedora de ser homenaxeada en 2026 pola Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas.
Caamaño vivía buscando respostas. Reflexionaba sobre o papel das mulleres, o feminismo, a ética, os dereitos e analizaba todas as formas de opresión
Antes de escribir, construíu unha sólida traxectoria como xornalista e activista: comezou en Vigo nos anos oitenta, nun contexto de loita social e mobilizacións do sector naval, traballando en Radio Noroeste e Radio Popular. Máis tarde trasladouse a Santiago, onde colaborou no Diario Cultural de Radio Galega e presentou os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Media Noite. Pero a súa presenza non se limitaba aos medios: tamén estaba nas rúas, no asociacionismo e na militancia feminista.
Caamaño vivía buscando respostas. Reflexionaba sobre o papel das mulleres, o feminismo, a ética, os dereitos e analizaba todas as formas de opresión. Desa procura incesante, da que naceu a Begoña xornalista, xorde tamén a Begoña narradora. Era unha lectora acérrima: lía e relía os clásicos, mais nunca se sentiu reflectida neles. Cría que os mitos creaban cánones, e que para construír novos cánones facían falta novos mitos. Foi así como naceu Circe ou o pracer do azul, a súa primeira novela. Nela reinterpreta a Odisea de Homero dende unha perspectiva feminista, dando lugar a unha obra que explora a desxerarquización do amor, os vínculos afectivos entre mulleres, a amizade como espazo de resistencia e a caída dos relatos heroicos que sosteñen a masculinidade.
Ler nunca debería ser un exercicio para asumir verdades, senón un espazo para formular máis preguntas. Caamaño non só lía e relía os clásicos: sinalábaos como inxustos
Para Caamaño, a Odisea non narra as aventuras de Ulises, nin a viaxe do heroe. Narra a dor de Penélope, e con ela xorden inevitablemente preguntas: Que pensaría Penélope durante toda esta longa espera? Que soños e expectativas tiña antes de coñecer a Ulises, antes de habitar Ítaca? Como conviviu coa soidade ao longo de tantos anos? E se Penélope realmente quixera estar soa? Que tipo de vínculo tiñan Penélope e Ulises? Ler nunca debería ser un exercicio para asumir verdades, senón un espazo para formular máis preguntas. Caamaño non só lía e relía os clásicos: sinalábaos como inxustos e pensaba naqueles personaxes nos que ninguén nunca pensaba.
A literatura ten a capacidade de crear novos mundos, e existe todo un universo de autoras que deciden construír os espazos de representación que non atoparon no seu momento. Tal é o caso da escritora arxentina Gabriela Cabezón Cámara, que refundou o clásico arxentino Martín Fierro na súa obra Las aventuras de la China Iron (2017) ou da autora canadiense Margaret Atwood, que tamén retoma os mitos homéricos e os reescribe na súa novela curta Penélope e as doce criadas (2005). En Circe ou o pracer do azul as illas de Ítaca e Eea convértense no eixe dunha correspondencia epistolar constante na que Penélope e Circe dialogan e se recoñecen. Penélope, a muller de Ulises. Circe, a amante do mesmo.
A súa correspondencia, íntima e clandestina, abre unha fenda na que se filtra unha reflexión profunda arredor do desexo entre mulleres. Nas súas cartas, ambas cuestionan ese mundo de homes no que —como escribe Penélope— “nacer muller é sinónimo de ser portadora de desgrazas”. A correspondencia entre ambas percorre cuestións como a familia, o amor ou o desexo. Trátase dunha correspondencia marcada, en gran medida, pola dor e a desconfianza que Penélope sinte cara aos homes, na que ambas intentan desgranar, pouco a pouco e a medida que medra a confianza, que é o que sucede e cal é a dor que Penélope alberga para chegar a ese odio e desconfianza cara Ulises e cara aos homes en xeral.
As epístolas non ocultan nin a intensidade nin a naturalidade desa pulsión amorosa que latexa entre liñas. Cando Circe lle fala das Amazonas, descríbelle como convive con elas e o que aprende da súa forma de estar no mundo: a centralidade das amigas, as redes afectivas que tecen xuntas, a maneira de desxerarquizar o matrimonio…
Todas estas reflexións acaban por abrir a posibilidade doutros vínculos e formas de amar. Nun momento concreto da obra, Circe interpela a Penélope cunha afirmación que podería lembrar calquera conversa compartida entre amigas durante un desamor dalgunha delas: dille que se a súa inadversión polos homes non pode ser vencida, non debería esquecer que “o corazón non entende de xéneros”. Cóntalle tamén que son moitas as mulleres que atopan nas relacións sáficas “as mesmas delicias que nas heterosexuais”.
A intimidade que se vai trenzando a través das palabras que se adican estas amigas e confesoras lembra a todas esas “amigas” que a Historia Universal das Artes e da Literatura tentou silenciar. A investigadora e filóloga Paula Villanueva (Bilbao, 1997) aborda estes vínculos na súa obra El círculo sáfico. Lesbianismo y bisexualidad del siglo XX (2024), na que redescobre a parte daquelas mulleres que se escribían cartas inflamadas e cheas de desexo e intencións que, se ben non sempre chegaban a consumarse, permanecen como unha evidencia do desexo, a afectividade e a amatoria entre mulleres.
Entre Penélope e Circe non hai só confidencias: hai unha revelación amorosa que cuestiona a orde establecida e que ilumina outra maneira de habitar o mundo
Villanueva lembra tamén algo esencial: é preciso deixar de considerar a etiqueta de “só amigas” como un lugar inferior ao de parella ou ao das relacións orientadas ao romance. Historicamente, as redes de amizade entre mulleres foron tan importantes como as relacións románticas e constituíron espazos altamente significativos e poderosos pola súa forza transformadora e pola súa intimidade “celebratoria, amorosa e construtiva”.
Entre Penélope e Circe non hai só confidencias: hai unha revelación amorosa que cuestiona a orde establecida e que ilumina outra maneira de habitar o mundo. As súas cartas, lidas en conxunto, constrúen unha pequena mitoloxía disidente: un relato que non só reivindica a lexitimidade do desexo sáfico, senón tamén a súa capacidade para desactivar os mandatos patriarcais que rexían o corpo e a vida das mulleres.
Circe ou o pracer do azul convócanos a todas: ás amigas e ás amantes, ás que acompañan e ás que desexan. É unha búsqueda da aperta que calma, que acolle a desazón que a vida nos deixa, e que recoñece na relación entre mulleres un territorio de amor, desexo e revelación.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!