Laboral
O paro baixa en Galiza un 1,2% en marzo e a Seguridade Social supera o millón de afiliados
O mercado laboral galego consolidou en marzo a súa tendencia positiva cunha dobre mellora: o paro baixou e a afiliación á Seguridade Social medrou. Así o reflicten os datos publicados este luns polos ministerios de Traballo e de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
O desemprego rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego descendeu en 1.388 persoas o pasado mes (-1,2%), situando o total en 114.670 parados. En termos interanuais, a caída é aínda máis significativa: hai 4.485 desempregados menos que hai un ano, o que supón unha redución do 3,76%.
Por provincias, a baixada produciuse en tres das catro demarcacións galegas. Pontevedra rexistrou o maior descenso en termos relativos (-1,54%), ata os 43.718 parados, seguida de Lugo (-1,49%, con 11.607) e A Coruña (-1,21%, ata 45.151). A única excepción foi Ourense, onde o paro repuntou levemente un 0,16%, con 22 desempregados máis, ata os 14.194.
Por sectores, a redución concentrouse nos servizos, que acapararon a maior parte da caída con 1.136 parados menos, aínda que tamén descendeu en construción (-240), industria (-75) e agricultura (-13). O único colectivo que aumentou foi o de persoas sen emprego anterior, con 76 novos rexistros.
Máis contratos e un millón de cotizantes
En paralelo, a contratación experimentou un notable impulso. En marzo asinaron 57.370 contratos en Galiza, case 9.000 máis que en febreiro (+18,52%) e máis de 5.300 por riba do mesmo mes do ano anterior (+10,18%). Deles, 19.317 foron indefinidos e 38.053 temporais.
A outra cara da moeda ofrécela a afiliación á Seguridade Social, que superou o millón de cotizantes na comunidade. En concreto, Galiza gañou unha media de 7.644 afiliados en marzo respecto ao mes anterior, situando o total en 1.095.875, un 1,53% máis que hai un ano, con 16.479 cotizantes adicionais.
Por réximes, 874.539 afiliacións corresponden ao réxime xeral, 203.879 ao de autónomos e 17.457 a traballadores do mar.
O Estado español supera os 22 millóns de afiliados
No conxunto do Estado, o paro baixou en 22.934 persoas en marzo respecto a febreiro (-0,9%), case o dobre que no mesmo mes de 2025, impulsado fundamentalmente polo sector servizos. A Seguridade Social, pola súa banda, sumou unha media de 211.510 novos cotizantes no mes, coa hostalaría como principal motor ante as contratacións de cara á Semana Santa.
O fito do mes foi a superación dos 22 millóns de afiliados a nivel nacional. A ministra de Inclusión, Elma Saiz, destacou que se trata dun “fito histórico” acadado tras sumar 2,2 millóns de empregos desde a reforma laboral e 3,3 millóns desde 2018.
En materia de prestacións, e con datos de febreiro —que sempre se publican cun mes de atraso—, o gasto en Galiza ascendeu a 104,3 millóns de euros, cunha prestación contributiva media que superou por primeira vez os mil euros por beneficiario (1.000,6 euros/mes).
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!