Laboral
O sector da alimentación da Coruña vai á folga por un convenio digno
Hai unha imaxe que se repite en calquera supermercado a calquera hora do día: unha muller con uniforme correndo entre seccións, cubrindo a caixa, atendendo a charcutería, repoñendo produto e, de paso, respondendo á clientela. Esa muller cobra arredor dos 1.100 euros ao mes.
A Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Xeral de Traballadores (UXT), Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Sindical Obreira (USO) veñen de convocar dúas xornadas de folga no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña para o 22 de maio e o 23 de xuño. A decisión chegou despois de que a mesa negociadora, constituída o 14 de xaneiro, acumulase reunión tras reunión sen avances reais. Os tres grandes grupos da patronal que negocian o convenio son Gadis, Froiz e Cuevas, empresas con millóns de euros en facturación anual que, segundo as traballadoras e os sindicatos, seguen a ofrecer condicións que non compensan nin o incremento do custo da vida.
Na última reunión a patronal puxo enriba da mesa unha suba do 3% para 2026, vinculada ao IPC pero con un tope do 6%. Para os anos seguintes —porque queren un convenio de catro anos— ofrecen un 2,5% en 2027, un 2% en 2028 e outro 2% en 2029, sen ningunha cláusula de revisión conforme ao IPC nos tres últimos exercicios. Os sindicatos rexeitan este modelo, xa que consideran que atará durante catro anos o poder adquisitivo das traballadoras nun contexto de incerteza económica; e que as porcentaxes ofrecidas non recuperan o que xa se perdeu nos anos anteriores.
“Non é normal que unha persoa que leve 20 anos nunha empresa cobre por debaixo do soldo mínimo e non poida chegar ao final do mes”, denuncia Mónica Velasco, delegada da CIG en Gadis.
Nuria García, de UXT, comparte o diagnóstico: “Hoxe, a media de ingresos dunha empregada a xornada completa rolda os 18.000 euros brutos anuais”. Segundo explica, nun principio a patronal non ofrecía ningún tipo de suba salarial e ”xustificábano co tema da guerra e coa incerteza“. Se ben o obxectivo de UXT é que en dous anos as traballadoras do sector poidan cobrar polo menos 1.500 euros, hoxe, o salario neto son arredor de 1.080 ou 1.100 euros, dependendo da retención fiscal.
Máis traballo, o mesmo soldo
Detrás do salario hai outra trampa: a responsabilidade real e a categoría formal son, moitas veces, dúas cousas distintas. Segundo explican dende a CIG, hai quen xestiona unha sección enteira —pedidos, trazabilidades, control de produto— e cobra exactamente o mesmo que calquera outra compañeira sen esas cargas.
A isto engádese a figura das chamadas traballadoras polivalentes: empregadas contratadas como caixeiras que, cando a situación o require, cobren charcutería, peixaría, froitería ou calquera outra sección. ”Se ti es caixeira e tes que ir á charcutería porque a charcuteira está de día libre, non cobras un plus nin nada máis por facer esa tarefa que non estaría dentro da túa responsabilidade“, sinala Velasco.
O ano pasado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nunha sentenza que Froiz non podía obrigar ao seu persoal a realizar as tarefas de limpeza de baños e zonas comúns, actividades que quedan fóra das funcións propias de cada sección. A resolución xudicial foi clara e contundente, con todo, segundo a CIG, Froiz incumpriu esa sentenza e continuou asignando esas tarefas ao seu persoal, forzando ao sindicato a denunciar de novo a situación publicamente.
A este episodio súmanse denuncias por despedimentos de traballadoras ao estar enfermas e protestas por exceso de carga laboral en distintas localidades.
Os horarios engaden outra capa de presión sobre unhas traballadoras que xa cargan con xornadas de ata 1.792 horas anuais, das máis altas do sector da alimentación segundo UXT, que pide baixalas a 1.712. Aínda que os cadros se entregan con semanas de antelación, a realidade do día a día rompe esa planificación con frecuencia.
”Se falta unha persoa, chámante para cambiarche o horario dun día para outro“, describe García. As horas de descanso entre xornadas tampouco sempre se respectan: “Non é raro saír ao peche, pasadas as dez da noite; e ter que volver á apertura da mañá seguinte”, explica.
A conciliación, nun sector onde máis do 90% da plantilla son mulleres, convértese case nunha utopía. Mónica, que estivo catorce anos con redución de xornada, recorda modificacións de horario sen previo aviso nin consulta. ”Moita xente, por medo ou por compañeirismo, acepta”, sinala. Ademais, segundo explica, as solicitudes de adaptación de xornada por coidado de fillos ou familiares son as que máis resistencia atopan por parte das empresas.
As baixas tampouco se cobren con axilidade. Segundo García, as de longa duración poden deixar un posto baleiro durante un mes enteiro antes de que a empresa comece a buscar substituto. “Ese mes é carga de traballo que asumimos as demais, moitas veces tirando das traballadoras a media xornada ás que se lles amplían as horas de xeito unilateral mediante as chamadas horas complementarias”, sinala Nuria.
A proposta patronal sobre os días de descanso remata de pechar o cadro. Hoxe as traballadoras teñen 31 días de vacacións, tres de asuntos propios que se poden solicitar ao longo do ano de xeito flexible, e tres sábados de calidade —un por cuadrimestre— en datas coñecidas con antelación. As empresas queren eliminar estes últimos e os asuntos propios e convertelos en días de vacacións, pasando de 31 a 38 días, e presentalo como unha mellora.
”Se aceptas iso, o resto do ano non tes ningún día de libre disposición“, resume Velasco. García coincide: ”Véndenolo como que nos están regalando días, pero despois non poderás pedir libranzas se che xurde calquera emerxencia." A patronal gaña capacidade de planificación; as traballadoras perden autonomía para xestionar imprevistos, citas médicas ou emerxencias familiares.
Beneficios millonarios, convenio bloqueado
O contraste que os sindicatos poñen sobre a mesa é difícil de ignorar. Gadisa Retail, propietaria da cadea Gadis, pechou 2024 cunha facturación de 1.640 millóns de euros. Son cifras récord, exercicio tras exercicio, mentres as súas traballadoras levan meses sentadas nunha mesa de negociación na que a patronal tardou ata a última reunión en presentar sequera unha proposta salarial concreta, que, segundo os sindicatos, é “claramente insuficiente”.
Segundo o xornal Economía Digital, a galega María Jesús García Vázquez, que ocupa un posto no consello de administración de Gadisa, figura na última lista das 100 empresarias máis ricas de España.
Este xornal contactou con Gadisa para coñecer a súa versión sobre o estado da negociación e as condicións laborais descritas polas súas traballadoras. A empresa non respondeu ata o peche deste artigo.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!