As dependentas da Coruña volven á folga contra o convenio da patronal liderada por Inditex

CIG e UXT convocan este mércores unha nova xornada de mobilización coincidindo co primeiro día de rebaixas. Os sindicatos denuncian que o convenio estatal da Asociación Retail Textil España (ARTE) suporía unha perda en salarios e dereitos laborais.
Concentración dependientas Inditex
Concentración de dependentas de Inditex na Coruña.

Este 7 de xaneiro, mentres as tendas do gran comercio téxtil abren as portas para dar comezo á tempada de rebaixas, CIG e UXT convocan unha xornada de folga na provincia da Coruña. A mobilización, que inclúe unha manifestación desde a Praza de Lugo ata o Obelisco, constitúe un novo capítulo na loita contra o convenio estatal que pretende implantar a patronal ARTE (Asociación Retail Textil España), e que afectaría a arredor de 2.500 traballadoras de 40 empresas da provincia, segundo datos dos sindicatos.

ARTE é a patronal que representa aos principais grupos da moda e da distribución textil en España; incluíndo a Inditex, H&M, Primark, Mango, Tendam, Bimba y Lola ou Hugo Boss, entre outros.

A convocatoria chega tras o éxito da primeira folga, celebrada o pasado 10 de decembro; e ante a falta de resposta á solicitude cursada ao Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) para pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais. “Saímos á rúa non para pedir, se non para que non nos quiten”, resume Mónica, sindicalista de UXT e dependenta en Bershka na Coruña.

Flexibilidade extrema e precarización

Segundo trasladan fontes sindicais, a Asociación Retail Textil España creouse no 2023 co obxectivo declarado de centralizar a negociación colectiva do sector. “O vicepresidente da asociación ARTE é o apoderado de Inditex”, explica Lucía, sindicalista da CIG e dependenta en Stradivarius. “Inditex lidera a creación desta nova patronal coa intención de implantar un convenio estatal para todo o sector“.

A creación de ARTE prodúcese poucos meses despois das históricas mobilizacións das dependentas de Inditex que tiveron lugar en novembro de 2022 na Coruña e se estenderon en xaneiro de 2023 ao resto do Estado, incluíndo unha folga en Madrid. Aquela loita conseguiu melloras económicas e sociais que a multinacional tivo que estender a todos os seus centros de traballo, equiparando os salarios no conxunto do Estado español.

Para Lucía, a creación de ARTE responde a un dobre obxectivo: ”frear“ as conquistas das traballadoras e, ao mesmo tempo, ”obrigar ao resto da súa competencia a ter as mesmas condicións“. 

O convenio estatal que ARTE pretende implantar deixa claro o alcance dos retrocesos. No ámbito salarial, a proposta establece salarios entre 2.000 e 3.000 euros anuais por debaixo do que se cobra actualmente no convenio provincial da Coruña. Para 2026, o grupo profesional de dependentas con máis de 15 meses de antigüidade cobraría 18.800 euros anuais, fronte aos máis de 21.000 euros do convenio provincial actual.

”Si isto se chega a firmar, teríamos o salario conxelado hasta 2028 polo menos“, denuncia Mónica. Ademais, a proposta eliminaría conceptos como o plus de permanencia e o plus de transporte, que quedarían absorbidos nun complemento salarial sen cláusula de garantía do IPC.

Un dos aspectos máis alarma ás traballadoras é a supresión do complemento do 100% durante as baixas por Incapacidade Temporal (IT). “Levan anos intentando quitárnolo, porque aí perden moitos cartos”, afirma Mónica. A última proposta da patronal establece que dos días 1 a 10 da IT non habería complemento ningún; dos días 11 a 20, complementaríase até o 75% se só se produce unha baixa no ano natural; e dos días 21 a 365, complementaríase até o 85%.

Doutra banda, o convenio de ARTE resucita a categoría de ”axudante de dependenta“ —eliminada hai moito tempo no convenio da Coruña— cun salario inferior ao de dependenta, obrigatoria de entrada na empresa durante 15 meses. Esta figura establece un grupo profesional con apenas 17.800 euros anuais en 2026.

O convenio introduce unha maior flexibilidade, especialmente nos contratos a tempo parcial. Permite ás empresas ampliar ao máximo as horas complementarias e crear bolsas de horas que poden usar segundo as súas necesidades, sen límite no número de persoas afectadas. Tamén autoriza contratos fixos descontinuos a tempo parcial de até seis meses ao ano, o que, segundo os sindicatos, favorece un emprego máis inestábel.

Outro dos cambios máis sensibles afecta aos domingos e festivos. “Agora o traballo en domingo é voluntario”, explica Mónica. “O que propón o convenio é que só o 50% siga sendo voluntario e que o outro 50% quede á libre disposición da empresa”.

As horas extraordinarias tampouco terían un recargo económico respecto á hora ordinaria: a empresa podería compensalas con tempo de descanso se así o decide. Ao mesmo tempo, redúcense os fins de semana libres e nas tendas con seis persoas ou menos, quedarían limitados a só seis fins de semana libres ao ano.

Tamén se restrinxen os permisos para acudir ao médico e para a conciliación. “Agora temos certa marxe para ir ao médico ou acompañar os fillos, pero no convenio estatal limítano a unhas horas irrisorias”, sinala Mónica.  A proposta reduce ademais o dereito á xornada de conciliación só até os 12 anos do fillo ou filla, fronte á maior amplitude que existe actualmente.

Por último, o convenio elimina permisos que hoxe superan o mínimo legal. Desaparecen, por exemplo, os días de asuntos propios, os tres días que recolle o convenio provincial deixarían de existir no marco estatal.

Millóns de beneficios, salarios conxelados

O contraste entre os beneficios das grandes cadeas téxtiles e a proposta salarial de ARTE resulta especialmente ferinte para as traballadoras do sector.

Inditex rexistrou un beneficio neto récord de 5.866 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2024, un incremento do 9% respecto ao ano anterior, cun volume de vendas que alcanzou os 38.632 millóns de euros. 

En conxunto, os 5.866 millóns de euros de beneficio neto de Inditex superan os resultados de Primark, con 1.310 millóns de beneficio, H&M, con arredor de 1.010 millóns e Mango, con 219 millóns de euros, todos eles sumados. No caso de H&M, ademais, os beneficios medraron un 33% no 2024.

Fronte a estes resultados millonarios, o convenio estatal que promove ARTE fixaría salarios de apenas 18.800 euros brutos anuais para dependentes con máis de 15 meses de antigüidade. 

A fenda entre a riqueza xerada polas grandes multinacionais da moda e as condicións laborais que se propoñen para quen sostén o negocio desde as tendas resulta non só evidente, senón profundamente inxusta.

A loita pola negociación autonómica

A estratexia sindical céntrase en blindar os convenios provinciais a través dun marco galego de relacións laborais. Trala folga do 10 de decembro, o empresariado estatal aceptou na última xuntanza a prioridade da negociación autonómica. A CIG solicitou entón ao Consello Galego de Relacións Laborais xuntanzas coas patronais provinciais para pactar un acordo marco galego.

”A liña vermella é a de non perder a capacidade de negociar as nosas condicións“, explica Lucía. Se ben a patronal de ARTE se comprometeu a respectar os acordos marcos interprofesionais nos distintos territorios, en Galiza non está constituído ese acordo marco, figura que se solicitou ao CGRL o 11 de decembro, sen resposta até o momento.

Ante este silencio, as representacións sindicais solicitáronlles ás direccións das empresas o compromiso de que non aplicarían o convenio de ARTE no caso de que entrase en vigor. Tampouco obtiveron contestación, o que motivou esta nova convocatoria de folga no primeiro día de rebaixas.

A negociación entre ARTE e os sindicatos está fixada para o vindeiro 21 de xaneiro en Madrid. Será unha cita crucial para determinar o futuro das condicións laborais de miles de traballadoras do sector téxtil. “Estamos a pedir uns mínimos, que se conserven os nosos salarios e os dereitos xa adquiridos”, reivindica Mónica. 

Este medio contactou coa Asociación Retail Textil España (ARTE) para coñecer a súa versión sobre as críticas formuladas polos sindicatos e o contido da proposta de convenio estatal, así como sobre a súa postura respecto á negociación dun marco galego de relacións laborais, mais no momento de pechar esta información non obtivo resposta.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...