Galego
A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2027 a Xosé Neira Vilas
A Real Academia Galega (RAG) elixe ao escritor Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015) como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do vindeiro ano. A decisión definitiva vén de tomarse nunha sesión plenaria da institución este martes. Aínda que tamén se formalizou a candidatura do lingüista Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008), a postulación do escritor dezao foi a favorita e contou con máis apoios dentro da Academia.
Unha figura central da narrativa galega
Neira Vilas é autor dunha das obras máis recoñecidas da literatura galega, Memorias dun neno labrego, publicada en 1961 e considerada a obra literaria galega máis reeditada e vendida, tanto no orixinal como en múltiples traducións a outras linguas.
Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos. Ademais da Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e o Premio da Crítica Galega (ensaio), o seu currículo inclúe tamén o Premio da Crítica de Galicia de 1981, o Premio Laxeiro de 2010, o Premio Otero Pedrayo de 2013 e a Medalla de Ouro de Galicia, que recibiu en 2015. A isto súmanse o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010, concedido pola Asociación Galega de Editores, e o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras, que a Xunta lle outorgou en 2014. Foi ademais membro numerario da RAG e doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana.
Fillo de labregos, cursou os estudos primarios e, aos 16 anos, comezou a traballar como contable nun serradoiro da súa contorna. Creou un grupo de teatro e levou á escena varias obras en lingua galega, ademais de escribir os seus primeiros versos e narracións.
Bos Aires: o descubrimento de Galiza na distancia
Neira Vilas emigrou á Arxentina en 1949 e estableceuse en Bos Aires, onde traballaba durante o día e estudaba pola noite. Alí cursou Comercio, Música e licenciouse en Xornalismo. Foi precisamente na capital arxentina onde afondou no coñecemento de Galiza, mergullándose na historia e na identidade cultural da súa terra de orixe e publicando os seus primeiros traballos na prensa galega da emigración, rodeado de figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Eduardo Blanco Amor ou Ramón de Valenzuela.
Asistiu a cursos de lingua, literatura, historia, arte, xeografía e economía de Galiza, e ampliou a súa colaboración xornalística a publicacións de Uruguai e México, adquirindo unha cultura universal ao tempo que afondaba nas súas raíces galegas. Xunto con outros mozos emigrantes, fundou as Mocidades Galeguistas en 1953 e o xornal Adiante, e representou á mocidade galega na Galeuzca Xuvenil refundada en Bos Aires.
Follas Novas e a consagración literaria
En 1957 casou coa escritora cubana Anisia Miranda, filla de galegos, con quen fundou a editorial Follas Novas, proxecto arredor do cal reuniron practicamente todo o que se publicaba sobre Galiza no mundo. Deste período nacen o poemario “Dende lonxe” (1960) e, sobre todo, “Memorias dun neno labrego” (1961), narrada desde a mirada infantil de Balbino e convertida co tempo nun clásico indiscutible das letras galegas.
Trinta anos en Cuba
Ese mesmo 1961 trasladouse a Cuba xunto coa súa esposa, onde ocupou diversos cargos administrativos no goberno revolucionario de Fidel Castro e colaborou con diversos xornais e revistas da illa. Foron máis de tres décadas de exilio caribeño nas que continuou escribindo, entre outras, Querido Tomás (1980), ambientada de novo nas terras do Ulla e do Deza, así como obras dirixidas ao público infantil como Espantallo amigo (1971), O cabaliño de buxo (1971) e A Marela Taravela (1974).
Regreso a Gres e legado
Xa xubilados, Neira Vilas e Anisia Miranda regresaron a Galiza en 1992 para se instalaren no seu Gres natal, onde dirixiron a Fundación Xosé Neira Vilas e onde el continuou participando activamente na vida cultural galega ata o seu falecemento, o 27 de novembro de 2015.
A editorial Galaxia mantén viva a súa obra a través da colección Biblioteca Neira Vilas, que xa reúne unha quincena de títulos, incluíndo reedicións recentes como Historia de emigrantes e Galegos no Golfo de México, crónicas da emigración galega en América froito do seu traballo xornalístico en Cuba.
No décimo aniversario da súa morte, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, en novembro de 2025, unha proposición non de lei para que a Xunta desenvolva accións divulgativas sobre a súa obra e o seu legado, o que reforzou entre os grupos parlamentarios a idea de que a Real Academia Galega debía valorar dedicarlle un Día das Letras Galegas — proposta que agora, coa elección prevista para 2027, se fai realidade.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!