A vitoria da esperanza: Zohran Mamdani álzase coma novo alcalde de Nova York

A exitosa campaña do novo alcalde centrouse en tres eixes fundamentais: o acceso a unha vivenda digna, autobuses gratuítos e supermercados e tendas de alimentación con prezos regulados polo concello. En definitiva, o dereito dos novaiorquinos a vivir unha vida digna e a ter acceso á súa propia cidade.
Zohran Mamdani NY
Zohran Mamdani durante a noite electoral do 4 de novembre en Astoria, Queens.
5 nov 2025 10:19

A cidade de Nova York érguese hoxe chea de esperanza, coa vitoria do candidato demócrata, o socialista democrático Zohran Mamdani. Mamdani, de 34 anos e natural de Uganda. Ás nove e media pasadas da noite, anunciouse que, con máis do cincuenta por cento dos votos, Mamdani é o primeiro alcalde musulmán da cidade de Nova York na súa historia.

A campaña de Mamdani centrouse en tres eixos fundamentais: acceso a unha vivenda que digna—conxelar os alugueres controlados pola cidade—, buses de balde como parte dun programa piloto nos Estados Unidos e supermercados e tendas de alimentación con prezos controlados polo concello. En definitiva: o dereito dos neoyorkinos a vivir unha vida digna, o acceso á súa propia cidade. Porén, os ataques islamófobos da dereita reaccionaria, teñen atacado non tanto ao seu proxecto político contrahexemónico como á súa propia subxectividade: home musulmán inmigrante de clase traballadora. 

Facer do outro un estraño

En 1978 Edward Said publicou Orientalism, un traballo que revolucionou os estudos culturais ao analizar o xeito no que o Occidente construíu unha imaxe estereotipada e subordinada do Oriente para xustificar o imperialismo e o dominio colonial: facemos do árabe o Outro, estereotipamos e estigmatizamos a súa imaxe. Volvemos o Occidente o centro, e ao Oriente o que está alá con respecto a nós, os de aquí. Coma intelectual palestino que traballou empregado corenta anos como catedrático de literatura comparada na Universidade de Columbia, Said recibiu ameazas despois da publicación do libro —considerado hoxe unha peza clave dos estudos descoloniais, e ensinado en calquera curso humanístico a día de hoxe nas unviersidades do país—, foi vixiado e mesmo ameazado. O compromiso intelectual coa causa política valeulle a Said perda de oportunidades profesionais e mesmo amizades. Facer unha crítica social tan afiada non é doado; precísase un proceso de estrañamento, un alonxamento da mirada colonial, imposta tamén sobre o suxeito colonizado. Orientalism ensínanos que o noso ollar non é inocente, senón que está atravesado polas estruturas retóricas da hexemonía.

No caso de Mamdani, o pasado 27 de outubro, dous días antes de que comezara o voto anticipado, o programa de noticias independentes Democracy Now! recolleu como Andrew Cuomo, candidato independente á alcaldía, no programa de radio de Sid Rosemberg, riu e asentiu cando Rosemberg afirmou que Mamdani estaría celebrando de pasares outro atentado coma foi o do once de setembro, apelando a unha animadversión de Mamdani pola jihad. Horas máis tarde e, sen se teren desculpado nin retirado o comentario, a equipa de Cuomo publicou na rede social X un vídeo feito con intelixencia artificial no que se amosaban a persoas caricaturizadas coma criminais apoiando a candidatura de Mamdani —homes levando kuffiyeh, persoas racializadas e consumidores de droga, todos apoiando con fervor a candidatura, rezando: “Criminals for Mamdani”— que borraría inmediatamente tralo aluvión de réplicas recibidas, mais que sería subido de volta por contas que denunciaban a islamofobia do vídeo. Noutro movemento xenófobo, o exalcalde da cidade, Eric Adams, imputado por corrupción e malversación de fondos, dixo publicamente que os políticos non podían permitir que Nova York se volvera Europa. Mamdani denostou publicamente todo o acontecido, apelando non  só á violencia verbal senón á falta de respecto polo millón e medio de musulmáns que viven na cidade. O ugandés tamén publicou un comunicado de vídeo en Instagram, no que falou do medo e a represión que sufría a comunidade musulmá despois do ataque ás torres xemelgas, e a invasión de Iraq e Afganistán: “A miña tía non volveu coller o metro despois do once de setembro do 2001 ata ben pasados os anos”. 

Mais a loita pola liberación é internacionalista e, coma tal, diana do eixo ultraconservador. Pensar en deter a avanzada reaccionaria nos Estados Unidos conleva afirmar unha praxe antibélica, antiracista, anticolonial. O socialista democrático, vogal ativo pola loita do polo palestino, á que se suman voces como Alejandra Ocasio–Cortez, Bernie Sanders ou Ilhan Omar, atópase no epicentro da crítica sionista. Malia teres sinalado a importancia dunha convivencia entre todas as prácticas relixiosas na cidade, e ter sido respaldado polos principais grupos xudeus antisionistas do país como Jewish Voice for Peace ou Rabbis for Ceasfire, o seu claro posicionamento —único se pensamos nas prácticas xenocidas estadounidenses cara o pobo palestiniano— é unha das principais balas cargadas de odio coa que lle disparan os seus adversarios. Mesmo o presidente do país ten ameazado con tomar as rúas, e revocar a cidadanía que Mamdani obtivo por naturalización no ano 2018.

O odio no seo do fogar

Xaora, se callar o que acontece neste imperio pódenos avisar do que pode ocorrer, ou está por ocorrer no que foi nun tempo o noso, ou na visión idealizada que algúns aínda parecen ter do que fomos vai xa cincocentos anos: unha potencia tremendamente sanguinaria. Os melancólicos daquela España imperial, transfórmanse agora en ávidos protectores dun estado que nunca foi tal e coma eles dixeron, ancorado nos anos dos reis católicos, na idea do fanatismo relixioso da coroa. Do que nos pode previr o caso Mamdani é do auxe dun problema endémico, alertarnos do xeito no que o racismo está a espallarse coma un virus global polas diferentes latitudes. Segundo datos do Ministerio do Interior, o  43,73% dos delitos de odio acometidos no estado español son por mor de racismo e xenofobia: desde Torre Pacheco aos comentarios suscitados co gallo da nova apertura do centro para menores migrantes en Monforte de Lemos, ata as detencións de migrantes indocumentados no casino de Lavapiés, en Madrid, o odio esparéxese coma unha praga.

Unha praga que xa parasitou Europa —Italia, Portugal, Alemaña, Hungría, Arxentina, O Salvador—, mais que tamén nos está a chegar a nós: témola diante. No mesmo informe do ministerio mencionado, o 40% das persoas entre 18 e 24 anos ten pensado votar á ultradereita nas próximas eleccións, a mesma dereita que clama unha “avanzada musulmana no noso territorio”, e que pide “deportar a oito millóns de persoas do noso estado”. Mozos e mozas que non so se deixan seducir por estes discursos, senón  que tamén fican pampos por unha nostalxia dun momento histórico pervertido polo relato hexemónico, desposuído dunha verdade historiográfica propia. 

A historia, xa nos ensinou a dialéctica, é cíclica. Dela aprendemos que non se avanza en liña, senón que os procesos acontecen en ciclos, e que como xa nos avisou Santayana: O pobo que non coñece a súa historia está condeado a repetila.

Unha fiúza de esperanza

Nos Estados Unidos, comentaristas políticos teñen sinalado como a campaña de Mamdani é efectiva en tanto que consegue chegar non só as clases populares —aquelas que, lonxe da visión idealizada que proxectan series como Sexo en Nueva York ou Gossip Girl, gañan por debaixo do salario mínimo, uns 16 dólares á hora, e que espalladas desde Manhattan ao Bronx integran o engrenaxe produtivo da cidade—, senón tamén á xuventude. Unha xuventude que recolle a herdanza de Stonewall, que pechou universidades e estacións de trens por Palestina que e renomeou Hamilton Hall da universidade de Columbia por Hinds Hall, en honor a Hind Rami Iyad Rajab, unha nena de cinco anos palestiniana asasinada no xenocidio gazatí o pasado ano mentres ela e a súa familia tentaban escapar do asedio israelí na Gaza. Unha xuventude a cal o novo líder supón un aceno de esperanza fronte a un imperio en afundimento. Datos recentes sinalaron como o neoyorkino medio ten problemas para pagar o aluguer, facer a compra semanal ou levar aos seus fillos á gardería. No noso país: o espello que experimenta a xuventude coa crise da vivenda, a inflación da compra, a dificultade para decidires se termos descendencia, a precariedade laboral. 

No ano 1959, o poeta palestino-iraquí Yabra Ibrahim Yabra publica en Beirut Tammuz al-Madina, un libro que fala da perda, do exilio e da procura dunha identidade colectiva entre as ruínas da modernidade árabe. Hoxe, nós tamén podemos ollar cara Yabra, quen emprega a figura de Tammuz —o deus da fertilidade na antiga Babilonia— como metáfora da esperanza e da resistencia fronte á destrución. No seu fermoso poema Na miña terra tomada, escribe: 

Na miña terra tomada

Na miña terra tomada
por un teatro de serpes
unha ruína de cans salvaxes
un ermo
construín un fogar dos meus ósos
erguido coas miñas mans
plantado cos meus inzos
deixando que entrara a auga
por páramos e desertos
sen vivir na procura
do baleiro da gloria
onde non agroma ren
na ubicuidade das arganas e das bestas
eles lapidaron o meu fogar
os meus froitos cobizosos de desobediencia
eu aínda cos meus brazos
fago aparecer ás serpes reptando
fago aparecer o corazón
ampároo fronte ao atordamento

A vitoria de Mamdani é unha fiúza de esperanza, para unha cidade que foi tomada e que, esperemos, sexa de novo para quenes a levantan. 

Este poema foi traducido árabe-inglés-galego / árabe-inglés-español por M. Zewar e Sofía R. F. González.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...