Culturas
Gonzalo Hermo: “A tenrura pode ser un revulsivo nos tempos dos discursos de odio”
No epílogo de Un xesto de tenrura, datado no Nadal de 2023, aparece a frase que lle dá título ao libro: “Escribo para atopar o xesto de tenrura que acariñe o meu corpo medrando no tempo”. Aquel Nadal, Gonzalo Hermo (Taragoña, 1987) volveu á casa dos pais co libro xa pechado, mais a pulsión da escrita non se esgotara. “Regresar á casa onde te criaches supón con frecuencia enfrontarse ao fantasma da infancia”, explica.
Nese texto, o poeta lembra unha adolescencia na que sentía que algo nel incomodaba aos demais e tamén a necesidade de marchar “onde abeirar o meu corpo da súa vergoña”. O desafío de ser quen de superar a vergoña e acadar unha aceptación, aínda que inestable, percorre todo o libro e maniféstase de forma singular no poema situado na catedral de León, en 1997, onde un anxo lle bisba ao poeta: “Non te avergoñes de ti mesmo”. Con todo, Hermo rexeita a etiqueta de confesional. “Confesar implica revelar unha verdade que permanecía agochada demandando algún xeito de redención”, sostén. Que o libro teña unha base experiencial non o converte nunha confesión: “Simplemente, a materia do poema é a memoria persoal”.
Os acubillos para a resistencia
Hermo comezou o libro na primavera de 2020 e a respecto daquel tempo deixou escrito: “Foime entregado un don: estar só para ser libre”. A soidade e mais a distancia son consubstanciais á súa escrita. Non por acaso un dos poemas leva por título O mundo é grande cando o lembro: as cousas medran cando nos afastamos delas. A distancia é condición para o discernimento. No mesmo poema, unha liña de luz parte un rostro á metade, e a parte sombriza amosa “unha verdade / que non era posible deducir / da metade visible”. Soidade e afastamento conviven, secasí, coa tenrura.
Perante a contemplación do amante durmido, o poeta daría “cada un dos meus recordos máis felices / por non interromper o teu descanso”. Para Hermo, reivindicar hoxe o coidado ten un sentido político: “A tenrura pode ser un revulsivo nos tempos dos discursos de odio”. O mesmo alcance lle atribúe, dalgún xeito, á intimidade, agora que a convertemos en escaparate: “Estamos sobreexpostos”, advirte. “Vale a pena pensar na posibilidade de acadar espazos que só pertencen a un”. Outro abeiro é a lingua.
Hermo vive en Cataluña, desde onde segue a escribir en galego. No proceso de concepción destes poemas, conta, reapareceu con moita forza “ese galego de Rianxo” que aprendeu a falar cando era un meniño e que lle deu “algo verdadeiro” que o alentou a escribir. Será a lingua do berce o único que permanece ao longo dunha vida? “Probablemente, non”, responde. Mais nun dos poemas non deixa dúbida: “Pero non houbo ocasión en que o poema me falase / nun idioma diferente / a aquel que balbucín antes de entendelo”.
A escola da cor
A pintura atravesa Un xesto de tenrura. O azul de Urbano Lugrís, que o poeta lembra nas amuras dun barco en Taragoña, foi a súa “escola para a cor”, e nun intre do libro confesa que, se puidese escoller, escollería ser pintor. Case o consegue en Lembranza da cor: o poeta imaxina un cabalo de cascos feridos que esmaga un campo de mapoulas e as pétalas érguense “coa cor do sangue do cabalo”; hai sabas tendidas “máis brancas ca o ventre dunha estatua” e o epígrafe, de William Blake, fala dun corvo que eslumecía por que todo fose escuro. Tamén aparece o mar, algo que a el mesmo lle sorprende: “Sendo de Rianxo, o mar non cobrou importancia até o meu quinto libro”. Onde si hai unha vontade consciente é no estilo. Os poemas procuran camiños de clareza e non se perden no seu propio discurso. Hermo fala dunha depuración das formas na que a súa voz “atopa un acomodo mellor” e dunha “batalla corpo a corpo coa linguaxe”. Desa loita abulla unha poesía que aspira á transparencia, unha luminosidade gañada a pulso.
A xenealoxía escollida
A experiencia propia pasa antes por outras voces e sae delas transformada. No poema Díptico grego, o poeta convértese primeiro en Telémaco, que soña con atopar o pai, e despois en Perséfone, que desexa volver aos brazos da nai. Mesmo a revelación da infancia chega da man dun anxo do poeta sueco Tomas Tranströmer. O xurado dos Premios da Crítica sinalou algo semellante ao salientar a mestura dunha sensibilidade clásica cun procedemento contemporáneo. O libro ábrese cunha entrada do diario de Seferis, de 1933, na que o poeta grego imaxina o amor “baixo a máxima luz da terra” e anota: “É difícil chegar a este punto. É obra da humildade”.
Poucos días despois, no mesmo diario, apuntou que se alguén quere saír da súa soidade ten que camiñar cara a ela. Case un século máis tarde, o “estar só para ser libre” de Hermo semella responderlle. “Volvo ser lento”, escribe no epílogo. Contra o ruído e a velocidade inhumana que identifican a época, medra o poeta que fai da tenrura un xesto aínda posible.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!