O FunFunFun reivindica a autoedición como espazo para crear comunidade e tecer alianzas creativas

Feira, concertos, faladoiros e actividades creativas conforman a programación dun encontro multidisciplinar que reunirá en Compostela a escena da autoedición de Galiza, Portugal, Catalunya e Euskadi.
Fun Fun Fun 2025
A feira de autoedición FunFunFun.
5 jun 2026 09:56

A Casa das Máquinas de Santiago de Compostela acollerá este sábado 6 de xuño a VIII Edición do FunFunFun, un festival de autoedición e banda deseñada independente consolidado como unha das principais citas da cultura autoxestionada na Galiza. Ao longo de toda a xornada reunirá proxectos de Galiza, Portugal, Euskadi e Catalunya arredor dos fanzines, a ilustración, a música e outras propostas creativas independentes.

O FunFunFun naceu hai once anos da man dun grupo de amizades vinculadas á banda deseñada e aos fanzines que decidiron crear un espazo propio para compartir proxectos e experiencias. O que comezou como unha iniciativa improvisada acabou converténdose nunha cita de referencia da autoedición galega, cun crecemento constante que fixo que a principal limitación hoxe en día sexa a capacidade do espazo: nesta edición recibiron máis do dobre de solicitudes para participar na feira das que poden asumir.

funfunfun cartaz
Cartaz do FunFunFun.

A pesar da súa consolidación como feira de autoedición, a multidisciplinariedade é unha das marcas do festival. O núcleo segue a ser a creación gráfica e os fanzines, mais desde os seus inicios apostaron por abrirse a outras disciplinas, dando cabida a proxectos audiovisuais, musicais ou de videoxogos.

Para Manuel Barreiro e Neves Rodríguez, organizadores do festival, o obxectivo vai máis alá da exhibición de publicacións independentes. “A idea do FunFunFun sempre foi que fose un encontro creativo, que de aí xurdisen alianzas”, sinalan. De feito, poñen como exemplo a relación profesional entre Manuel Barreiro e Elías Taño, que se coñeceron na primeira edición do festival e acabaron colaborando na obra Maré, galardoada co XX Premio Castelao de Banda Deseñada. “Un pouco o que perseguimos é isto: xuntar a xente que fai cousas para que fagan cousas xuntas”, comentan.

Outra das liñas que destacan do festival é o fortalecemento dos vínculos culturais con Portugal. A presenza de creadoras e creadores portugueses foi medrando edición tras edición e este ano contará coa participación de José Feitor, do Estúdio Trovoada, quen ofrecerá un faladoiro no que dará a coñecer o seu traballo e a súa filosofía como referente da ilustración e da edición independente portuguesa con máis de dúas décadas de traxectoria.

A organización destaca a importancia de establecer pontes entre ambos territorios para favorecer colaboracións e intercambios creativos. “Queremos que a xente se coñeza, colaborar e saber uns dos outros. Que xurdan cousas interesantes”, explican.

Nesa mesma liña, o FunFunFun pretende ampliar a súa actividade máis alá da cita anual. Durante este ano xa se organizaron obradoiros de banda deseñada en centros socioculturais composteláns e prevese continuar desenvolvendo iniciativas formativas que contribúan a fortalecer o tecido creativo local. “Ás veces a xente creativa séntese moi soa. Interésanos que isto sirva para poñer en contacto persoas con ganas de facer cousas”, apuntan.

O festival celebrarase este sábado desde as 11h até as 23h, cunha programación que inclúe feira, obradoiros, faladoiros, sesión vermú e o tradicional Combate de Debuxantes presentado por Leandro Barea e Alberto Guitán, un dos fitos máis clásicos do evento. Como novidade, esta edición incorpora un concerto sorpresa e estreará o trofeo do combate, deseñado pola artista Maru Astray, tamén integrante da organización. A xornada pecharase coa actuación de Faul. Todas as actividades son de balde e abertas ao público.

Actualmente, a organización do FunFunFun está formada maioritariamente por mulleres nun ámbito historicamente masculinizado. O apoio da Asociación PuntoGal e das Concellerías de Mocidade e Centros Socioculturais do Concello de Santiago fai posible un modelo no que todas as persoas participantes reciben remuneración, como parte dunha aposta por unha autoedición entendida tamén como traballo creativo e profesional.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...