Culturas
A Deputación da Coruña e a de Lugo asinan un acordo sen precedentes co CCG para espallar a cultura polo rural
A Deputación da Coruña, a de Lugo e máis o Consello da Cultura Galega seleron esta mañá as súas firmas para poñer en marcha Escola, cultura e territorio, un proxecto conxunto que quere dar a coñecer e apoiar as experiencias culturais que se desenvolven no rural galego. A rúbrica do convenio correu a cargo da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; da súa homóloga na Deputación de Lugo, Iria Castro; e da presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.
As tres institucións comparten unha mesma lectura de fondo: a cultura como motor para fortalecer a identidade colectiva, tecer comunidade e conservar a memoria. Baixo esa idea, a iniciativa quere achegar, dar valor e poñer en contacto experiencias que crucen educación, cultura e territorio, coa fin de dinamizar social e culturalmente as zonas rurais do país.
Seis actividades repartidas entre as tres entidades
O programa concrétase en seis accións formativas e de visibilización. A primeira delas terá lugar xa o próximo luns 13 de xullo: o Encontro de Boas Iniciativas Culturais, organizado pola Deputación de Lugo no Pazo de Tor (Monforte de Lemos), que reunirá a uns vinte colectivos e profesionais do sector cultural.
A Deputación da Coruña, pola súa parte, ten previsto poñer en marcha a finais de ano unhas residencias de proxectos culturais no Pazo de Mariñán, xunto cun programa dirixido ao traballo cultural coa mocidade na Costa da Morte. Mentres tanto, o Consello da Cultura Galega achegará ao proxecto un programa de formación en materia cultural destinado a cargos públicos e unha ferramenta dixital para dar visibilidade a proxectos aliñados coa filosofía de Escola, cultura e territorio.
Unha colaboración sen apenas precedentes
Natividade González puxo o acento na relevancia de sumar esforzos institucionais para que as políticas culturais cheguen a todo o territorio e para que o rural se afiance como lugar de creación, participación e transmisión do patrimonio, tanto material como inmaterial. Nas súas palabras: “Trátase dunha iniciativa pioneira de colaboración institucional que evidencia o compromiso compartido das administracións coa cultura e co territorio. Non existen practicamente precedentes de cooperación entre dúas deputacións galegas para impulsar unha iniciativa cultural destas características, polo que este convenio supón un paso importante na suma de esforzos e recursos para desenvolver proxectos de interese común”.
Dende a Deputación de Lugo, Iria Castro puxo en valor a posibilidade de sumar forzas malia partir de realidades distintas: “de traballar conxuntamente para fortalecer o ecosistema cultural galego desde o ámbito local, tendo en conta que cada institución atende realidades demográficas e socioeconómicas diferentes. Nas comarcas de Lugo, cunha poboación dispersa e un territorio maioritariamente rural, agroman proxectos moi interesantes dos que aprender. Este marco de colaboración co Consello da Cultura Galega e da Deputación da Coruña danos a oportunidade de proxectar o seu traballo e de canalizar e documentar a súa experiencia para transladala a outros ámbitos”.
Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, definiu o acordo como “un exemplo modélico de colaboración institucional para impulsar políticas culturais que cheguen a todo o conxunto do territorio e superar as asimetrías que existen entre o rural e o urbano, reforzando o papel do rural como un espazo activo, dinámico, de memoria”. Vilavedra engadiu que o convenio permite “deseñar unha folla de ruta que xorde dunha convicción: a cultura é unha ferramenta de cohesión social”.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!