As Conchas segue tinguido de verde un ano despois da sentenza histórica contra as macrogranxas

A comunidade veciñal esixe ao TSXG a execución forzosa do fallo que en 2025 recoñeceu a vulneración dos seus dereitos fundamentais pola contaminación gandeira.
Encoro das Conchas 1
Encoro das Conchas padecendo a eutrofización da agua e episodios de cianobacterias que tinguen de verde a superficie do pantano.

Mercedes Álvarez de León leva quince anos mirando para a auga do encoro das Conchas coa mesma pregunta: vai mellorar algunha vez? Un ano despois de que un tribunal lle dese a razón, a resposta segue sen chegar. O que máis lle preocupa, explica esta veciña de Lobeira e demandante no caso, é que as administracións sigan facendo oídos xordos a unha sentenza tan relevante coma a súa.

En xullo de 2025, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou por primeira vez en España que a contaminación da gandaría industrial na conca do río Limia vulneraba dereitos fundamentais: o dereito á vida, á intimidade, á inviolabilidade do domicilio e á propiedade, en relación co dereito a un ambiente axeitado e ao acceso á auga. 

En febreiro de 2026, o Tribunal Supremo pechou calquera dúbida ao inadmitir os recursos da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), converténdose a sentenza en firme.

Sete meses despois, a comunidade —cos avogados de ClientEarth e co apoio de Amigas da Terra e CECU— acaba de pedir ao mesmo tribunal que obrigue, por vía de execución forzosa, a cumprir aquilo que xa ditaminou. A demanda, rexistrada o 3 de setembro, inclúe preto de 80 puntos concretos que, denuncian, seguen sen aplicarse.

O balance que fai Álvarez de León destas actuacións é magro. Da Confederación Hidrográfica, di, chegou “un 2%” do que esixe a sentenza. Parte da indemnización, “catro revisións en catro granxas, algunha analítica puntual e nada máis“. 

Ese diñeiro, matiza, nunca se entendeu como un peche do conflito, senón como un recurso máis para a comunidade e para seguir defendendo o embalse. Da Xunta de Galicia, en cambio, non houbo sequera iso: ”Un ano despois todavía non se manifestou en ningún sentido“, resume.

O que sostén a solidez do caso, explica a veciña, é un traballo de vixilancia sostido desde 2011, con científicos e peritos independentes cuxas analíticas son públicas. Ese rexistro de máis dunha década é, ao seu xuízo, o que permitiu que a sentenza saíse tan favorable. 

Agora piden a execución forzosa cos case 80 puntos concretos que recolle a demanda. ”Imos chegar onde faga falta; a denunciar polo penal, ou ir a Bruxelas. Levamos 15 anos e, desgraciadamente, terán que ser outros 15".

O que solicita a demanda

Entre as medidas solicitadas figuran a declaración de A Limia como zona vulnerable á contaminación por nitratos, unha moratoria a novas explotacións gandeiras e á ampliación das existentes mentres non se reverta a degradación, programas de inspección e control ambiental, vixilancia reforzada da calidade da auga e dos pozos, protocolos de alerta rápida á poboación e seguimento específico dos episodios de cianobacterias e malos cheiros. Pídese ademais que sexa o propio tribunal quen fixe prazos, responsables e indicadores de cumprimento verificables.

As organizacións que acompañan á comunidade insisten na mesma idea desde ángulos distintos. Nieves Noval, avogada sénior de ClientEarth, sostén que as administracións tiveron a oportunidade de cumprir voluntariamente e non o fixeron, polo que agora lle corresponde ao tribunal garantir a execución. 

Durante o último ano seguíronse rexistrando episodios de proliferación masiva de cianobacterias potencialmente tóxicas, persisten os malos cheiros denunciados pola veciñanza, e xa hai indicios de afectación augas abaixo, incluída a presa portuguesa de Lindoso. 

Na comarca de A Limia operan máis de trescentas explotacións gandeiras intensivas —porcinas e avícolas—, cuxa licenza depende da Xunta, e cuxa xestión de residuos foi sinalada polo tribunal como causa directa da contaminación do embalse.

A sentenza de As Conchas foi destacada por xuristas e especialistas en saúde planetaria como a primeira no Estado español que vincula de forma explícita a superación dos límites ecolóxicos dun territorio coa vulneración de dereitos humanos, un precedente que xa se estuda noutras rexións europeas afectadas por conflitos similares coa gandaría intensiva.

Mentres o TSXG estuda a nova demanda, o embalse segue coas augas tinguidas de verde, e cunha comunidade que, quince anos despois de comezar a mostraxe, segue a agardar que o recoñecemento xudicial dos seus dereitos deixe de ser papel e se converta, por fin, en auga limpa.

Este xornal contactou con Augas de Galicia para ter coñecemento sobre as medidas adoptadas desde a sentenza, o cumprimento das obrigas ambientais e a posibilidade de declarar A Limia zona vulnerable á contaminación por nitratos. Ata o peche desta información, non se obtivo resposta.

Contaminación
O Supremo confirma que a inacción da Xunta ante a contaminación gandeira vulnera dereitos fundamentais
A sentenza do TSXG sobre o encoro de As Conchas queda firme e esixe ás administracións que actúen de inmediato para restaurar o dereito á vida, á saúde e á auga limpa da poboación da comarca de A Limia.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...