Cercanías
O BNG consegue o visto e prace do Congreso para crear a rede de Cercanías de Galiza

O sistema ferroviario en Galiza volveu ao centro do debate político. Este mércores, o Pleno do Congreso deu luz verde a unha moción do BNG que reclama ao Goberno un paquete de medidas para reforzar a rede de trens no país. Entre elas, destacan a implantación dun servizo de Cercanías, a finalización de obras clave do AVE e a ampliación de frecuencias e prazas dispoñibles.
“Hai máis cousas que se poden esixir, e desde o BNG estamos esixindo, pero esta moción pretende promover o esencial para mellorar urxentemente o servizo ferroviario no noso país. Podería engadir doce puntos máis e non estaría dicindo nada xusto para Galiza”, destaca Néstor Rego, deputado do BNG na Cámara baixa.
O texto aprobado esixe ao Executivo finalizar o estudo para a implantación do servizo de Cercanías
O texto aprobado esixe ao Executivo “finalizar o estudo para a implantación do servizo de Cercanías” e continuar coa modernización da rede ferroviaria galega. Segundo a iniciativa, as actuacións deberían comezar por liñas estratéxicas como A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Vigo-fronteira portuguesa, a Saída Sur de Vigo para a alta velocidade ou a liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo.
Ademais, reclámaase completar o estudo da conexión Lugo-Santiago, acelerar as obras do Corredor Atlántico de Mercadorías e impulsar tanto as autoestradas ferroviarias como a intermodalidade entre estrada e tren.
AVE: Ourense e os tramos pendentes
A moción tamén pon o foco na alta velocidade. O BNG insta ao Goberno a acabar “as obras pendentes de execución do AVE, en particular a finalización da variante de Ourense e o desdobramento dos tramos de vía única”.
En paralelo, proponse un incremento de frecuencias e prazas, así como revisar os horarios para “asegurar a mobilidade da cidadanía, especialmente no Eixe Atlántico e nas conexións con Ourense”.
Recuperar frecuencias e unha tarifa plana modificada
Outro dos compromisos esixidos é recuperar todos os servizos suspendidos durante a pandemia e aplicar o Plan de Puntualidade “para mellorar a fiabilidade do servizo así como a información que se facilita ás persoas usuarias en caso de atraso ou avaría”.
A iniciativa tamén contempla estender a tarifa plana bonificada de Cercanías a aqueles traxectos de media distancia en Galiza que, por tempo ou distancia, sexan equiparables, co obxectivo de “evitar a discriminación que implica carecer aínda dese servizo”.
Rego tacha de “hipócritas” aos representantes do PP
“O Partido Popular nunca presenta ante esta cámara iniciativas que pidan mellorar os servizos de transporte en Galiza nin os servizos ferroviarios en Galiza. O PP presentou esta semana unha moción sobre transporte ferroviario ao Senado e non hai nin unha soa mención ao transporte ferroviario en Galiza”, recordou o deputado nacionalista.
De feito, lembra Rego, os gobernos do Partido Popular son “os que máis prexudicaron a Galiza” ao ter a unha galega como ministra de Fomento: “Ana Pastor, a da curva de Angrois, que incluso fixo boa parte da liña do AVE a Galiza de vía única”.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!