biogas laracha
Proxecto da planta de biogás de A Laracha.

A veciñanza da Laracha organízase para frear a planta de biogás proxectada a escasos metros do río Anllóns

Organizacións ecoloxistas, institucións e plataformas veciñais alertan dos riscos dunha macroplanta que procesaría 63.500 toneladas anuais de residuos a carón dun dos ríos catalogados no país como zona especial de conservación.

Hai uns meses un home chamou á porta de Marisol, veciña de Soandres, no concello coruñés da Laracha. Aquel home dicía ser o propietario dunha parcela próxima e traía novas: ían instalar alí unha planta de biogás. Falou das súas bondades, mencionou postos de traballo. Marisol escoitou; e despois foi ao concello a preguntar.

“Efectivamente alí dixéronnos que había un proxecto, pero que en principio era con carácter prioritario e viña directamente dende a Xunta”, recorda. A resposta non foi todo o concreta que ela esperaba, pero foi suficiente para que, xunto con outros veciños, organizasen unha primeira reunión coa fin de conformar a Plataforma Stop Biogás Laracha. 

A empresa promotora, Bioenergía A Coruña S.L.U., presentou en 2024 ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia a solicitude de Autorización Ambiental Integrada para un proxecto de planta de biometano en Soandres. 

O proxecto contempla o tratamento de 63.500 toneladas anuais de residuos orgánicos: xurros de vacún, lodos de conserveiras, soro lácteo, residuos de matadoiro e lodos de depuradoras urbanas e industriais. O produto final será biometano, inxectado na rede de gas. A instalación ocupará máis de 95.000 metros cadrados de solo rústico, funcionaría as 24 horas do día os 365 días do ano e xeraría, segundo as propias estimacións do proxecto, uns 50.947 metros cúbicos anuais de augas residuais industriais procedentes do dixestato —o residuo líquido do proceso de fermentación anaeróbica— que serán vertidas ao río Anllóns.

O río no centro do debate

O Anllóns é o eixo vertebrador dunha paisaxe de vales húmidos, prados e pequenas aldeas que conflúe na ría de Corme e Laxe. A parcela escollida para a planta linda directamente co río pola súa parte sur, algo que os veciños e as organizacións ecoloxistas sinalan como un risco inaceptable.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) presentou alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental (EIA), nas que identifica que o propio documento contén unha cualificación urbanística do solo errada. 

Segundo Adega, mentres o estudo do promotor recolle que a parcela ten clasificación de solo rústico de protección ordinaria, a documentación do propio proxecto permite comprobar que a parcela está afectada pola zona de policía do río Anllóns e pola contorna de protección do xacemento arqueolóxico da Mámoa da Chousa Grande. A clasificación correcta, segundo a organización ecoloxista, debería ser solo rústico de protección de augas ou de protección do patrimonio, categoría que fan inviable a instalación.

Ademais, a organización denuncia que existe un regato permanente que desemboca no Anllóns e que non aparece citado en ningún punto da documentación presentada polo promotor. Esta omisión cobra especial relevancia tendo en conta que as captacións de auga potable para o abastecemento de poboacións de Carballo e Ponteceso se sitúan augas abaixo da instalación proxectada.

As alegacións da asociación Salvemos Cabana inciden tamén neste punto. Calquera fallo estrutural, erro humano, vertedura accidental ou episodio de choivas torrenciais nun complexo industrial que manexa esas cantidades de residuos líquidos podería contaminar de xeito irreversible un ecosistema fluvial.

Unha cuestión de saúde pública

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) admite a presenza de sulfuro de hidróxeno nos residuos que se tratarán na planta en concentracións moi por riba dos niveis de seguridade, pero, segundo Adega, non explica con rigor como pode reducir esa concentración ata límites inocuos, nun entorno con vivendas a escasos metros da parcela.

As alegacións apuntan ademais ao risco das denominadas “fugas de metano”, que investigacións científicas recentes identifican como un problema estrutural nas plantas de biogás europeas.

Dado que o metano ten un potencial de quecemento global moi superior ao dióxido de carbono, estas fugas poden anular gran parte dos beneficios climáticos que o sector argumenta como xustificación para este tipo de proxectos.

A planta tamén contempla a emisión á atmosfera de óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono, dióxido de xofre, amoníaco, partículas e outros compostos que se consideran incompatibles coa proximidade a núcleos habitados. O máis próximo, Vista Alegre, atópase a só 305 metros da instalación.

Un patrimonio en perigo

A poucos centos de metros do emprazamento previsto para a planta atópase a Mámoa da Chousa Grande, un xacemento funerario megalítico xa catalogado. Tamén están documentados nas proximidades o petroglifo de Couto Martíns, a mámoa de Santa Baia, o castro de Santa Baia e un conxunto de hórreos en Vilar de Fraga.

A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia esixe que calquera intervención en contornos de protección de bens patrimoniais garanta a non alteración dos seus valores. A instalación dunha infraestrutura industrial de máis de 9.300 metros cadrados, con escavacións e movementos de terra, nun entorno con esta densidade patrimonial xerou a alarma de asociacións de defensa do patrimonio, ademais de ser un dos argumentos centrais das alegacións presentadas. 

Adega denuncia ademais que entre a documentación sometida a información pública non consta o informe de valoración arqueolóxica que foi requirido ao promotor, o que segundo a organización invalidaría tecnicamente o proceso de avaliación ambiental.

A oposición ao proxecto foi rapidamente maioritaria no plano institucional. O concello da Laracha, gobernado polo PP, manifestou publicamente que non considera axeitada a ubicación e presentou alegacións. Os concellos limítrofes de Carballo, Ponteceso, Arteixo, Coristanco, Malpica, Cabana de Bergantiños e Laxe celebraron plenos nos que todos, por unanimidade ou ampla maioría, rexeitaron a localización da planta. 

A Deputación Provincial de A Coruña, aprobou unha declaración en contra do proxecto, instando á Xunta a non declaralo de interese estratéxico mentres persistan as dúbidas sobre o seu impacto territorial. 

O pasado 10 de maio preto de tres mil persoas, convocadas pola Plataforma Stop Biogás Laracha, percorreron as rúas da vila. Os manifestantes portaban pancartas con mensaxes como “A auga do Anllóns non se compra con millóns” ou “O rural non é un polígono industrial”.

Dúas semanas despois, co prazo de información pública xa pechado, a plataforma rexistrou ante a Xunta de Galicia unha alegación colectiva asinada por preto de 7.000 persoas, elaborada co asesoramento de avogados, biólogos, arqueólogos e enxeñeiros que analizaron o proxecto ao detalle.

A Xunta, pola súa banda, defendeu a tramitación ordinaria do expediente, argumentando que o proceso de avaliación ambiental debe completarse antes de emitir calquera xuízo sobre a viabilidade do proxecto.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...