Arte urbano
Viladomar: máis alá dos muros, a veciñanza
—Bichos tan raros non vin!
A camareira do bar A Lareira fala sen deixar de recoller os pratos sucios que aínda quedan sobre o mantel. Acábolle de preguntar se hai alguén en Rianxo a quen non lle gusten os murais que decoran a vila desde hai anos. Na mesa, os organizadores do festival Viladomar —Sara, Noel, David e Martiño— rin. Estou comendo con eles, preguntándolles como naceu este festival, e quero saber se hai alguén que teña algunha crítica. Eles tamén, pero non damos atopado quen lla faga.
O dono do Lareira é Ricardo, un home de 64 anos co que falo un pouco despois e que coincide en dicir que os murais gustan a todo o mundo e que son espectaculares.
—Rianxo é terra de artistas. E sabes que aquí sempre gañou a esquerda? —di—. É que somos a terra de Castelao!
Despois, amosando a relación que ten esta vila co mar, engade que o 16 de xullo son as festas do Carme e que ese día, cando os barcos se paran diante da imaxe da Virxe e as persoas cantan «Salve estrela dos mares», todo o mundo chora.
—Vouche dicir unha cousa: eu son un deles —engade rindo.
Do Lareira saio con varios nomes e o Novo Barbeiro, unha publicación homenaxe ao semanario anticaciquil no que participaba Castelao, e que este ano é un mapa de Rianxo coa localización de todos os murais que existen na vila dende que comezou este festival. Ricardo pídeme que llo leve a Juanita, unha veciña que colecciona as publicacións e que é fan da cultura e do festival, pero antes diso, quero comprobar se é certo que os murais gustan tanto como parece.
Pero os murais son só a parte visible. O que non se ve dende fóra é todo o que pasa nos dez días que dura o festival. Como as veciñas ceden as paredes, hospedan artistas e observan o proceso das pinturas.
En Rianxo hai máis de vinte paredes pintadas. O Festival Viladomar —«máis alá dos muros»— naceu en 2018 da man dos artistas rianxeiros Novenoel —que segue a ser un dos organizadores— e Lara Torres e leva desde entón enchendo de pinturas as fachadas da vila e das parroquias rianxeiras, convertendo esta vila mariñeira nun museo sen portas que medra cada mes de xullo. Este ano, na súa sétima edición, pintaron Agustina Shuan na parroquia de Asados, Lula Goce na zona da Martela, en Rianxo, e Alejandro Mosquera na Buhía, na parroquia do Araño. Pero os murais son só a parte visible. O que non se ve dende fóra é todo o que pasa nos dez días que dura o festival. Como as veciñas ceden as paredes, hospedan os artistas nas súas casas e baixan cada mañá mirar como evolucionan as pinturas.
Seguindo a información do Novo Barbeiro, busco un mural da edición anterior que é unha homenaxe a dous veciños de Rianxo, Xosé e Maruxa, famosos por seren os fundadores de Os Rosales, un grupo de música tradicional. A pintura, obra do artista Yoseba MP, está na parede dunha casa deshabitada que dá ao xardín de Dolores, unha muller que me abre a porta a pesar de ter a boca durmida porque acaba de volver do dentista. Segundo me contaron, a Dolores non lle importou ter que aturar grúas e movemento durante todo o tempo que durou o festival o ano pasado.
—Ver o proceso claro que é divertido. E despois o resultado... Eu prefiro ter isto, unha imaxe bonita de dúas persoas, que ter a parede sen nada, non? Ademais de que Maruxa é unha veciña que se animou a tocar a gaita cando se dicía que iso non era cousa de mulleres —explica Dolores—. A verdade é que eu diría que en Rianxo a maior parte da xente está moi contenta co festival.
Dolores cedeu outra parede este ano para que pintasen. É na que traballou Agustina Shuan e que está ao lado do colexio público da parroquia rianxeira de Asados.
—A verdade é que este ano non tiña nin idea do que ían pintar. Fun alí de cando en vez para ver que estaban facendo e había xente que me preguntaba se sabía que nos estaban a poñer alí. E eu non tiña nin idea —conta—. Primeiro vin como facían como dous peixiños, cando comezaron, e onte, cando remataron, pensei que semellaba unha deusa do mar. Mira ti o que me pareceu. Porque semella como un conto, non? Penso que ás crianzas halles gustar e iso é o importante, porque son as que o teñen ao lado da escola.
Se Dolores ten unha crítica, é o feito de que a pintura do mural de Yoseba comezou a caer aos seis meses de rematada. Ela insiste en que iso non é culpa do artista.
Se Dolores ten unha crítica, é o feito de que a pintura do mural de Yoseba comezou a caer aos seis meses de rematada. Ela insiste en que iso non é culpa do artista, porque, di, lle quedou precioso, pero si que lle gustaría que Yoseba volvese para arranxalo, xa que xusto está perdendo cor nos rostros dos dous protagonistas que sorrín cunha gaita e unha pandeireta. Semella que por agora o peor inimigo deste festival é a humidade.
A poucos minutos de alí, hai outra ventá que leva anos abríndose sobre un mural. Desde o cuarto de Mercedes, unha muller rianxeira que forma parte do grupo de Teatro Airiños —grupo que tamén colabora no festival— vese a obra que Paola Delfín pintou na rúa Fincheira na edición do 2024. Un mural no que se pode ver a figura dunha muller cargando cun cesto sobre a cabeza, e no que Galiza e México, o país natal da súa autora, se mesturan en branco e negro. Mercedes conta que, mentres pintaba o mural, a artista tamén durmía na súa casa.
—Na miña casa sempre cae xente! Paola estivo tres semanas e foi moi bonito pasar ese verán con ela. Entenderte e empatar tan ben con alguén que vén de tan lonxe, que é doutra xeración e doutro sitio é como incrible, non? —reflexiona Mercedes por teléfono cando a chamo—. Tamén conectou moi ben con Rianxo e coa obra de Castelao. Lembro que as letras de “Nós” que aparecen no lateral decidiu pintalas despois de vir comigo a un concerto de Sés.
Mercedes di que non sabe moito de arte. Que se algo lle gusta, gústalle; se non, non.
—A min persoalmente o making of é do que máis me gusta. Cando fun ver o Guernica ao Reina Sofía fascinoume o cadro, pero creo que aínda algo máis os bocetos que están ao carón da peza, onde podes ver toda a evolución —comenta—. Es como unha testemuña en primeira persoa do proceso. Iso marabíllame.
E iso foi o que lle pasou tamén co mural de Paola, que para ela foi como asistir a un parto de semanas de duración. Cada mañá observábao a través da súa xanela ata velo nacer por completo.
—Ía vendo non só como cambiaba, senón o que Paola me contaba do seu proceso. As desavinzas consigo mesma, os desgustos, que se tiña que refacer algo, quitar, poñer... Sentino todo moi preto de min.
Non era a primeira vez que Paola Delfín pintaba en Galiza. Antes do festival Viladomar xa o fixera en Ordes, no DesOrdes Creativas, o irmán maior dos festivais de muralismo galegos. Nacido en 2008, o DesOrdes leva dezaoito anos e máis de cen obras nas súas costas, e é un festival onde a veciñanza tamén é parte moi activa. Existe un formulario na web chamado «Cede o teu muro!» para que calquera propietario solicite un mural na súa casa se o desexa. En Rianxo, nos roteiros teatralizados que percorren os murais da man de Teatro Airiños, bromean con que grazas a festivais como o DesOrdes, agora nos bares desa vila xa non só se fala de fútbol, senón tamén de calidade artística. Ese podería ser o obxectivo para Viladomar.
Saio da casa de Dolores na procura dese mural que semella unha deusa do mar saída dun conto infantil. Sei que ao carón desta pintura vive Moncho, un veciño que, segundo me contaron, tamén desfruta moito vendo pintar os murais. Non o atopo nin sei ben cal é a súa casa, así que paro primeiro no Atalaia, un dos bares da parroquia de Asados. Dentro, pregúntolle a Carmen, a muller detrás da barra, se coñece a un tal Moncho, pero sen máis información non sabe como axudarme. Mentres espero a ver se chega de casualidade, entra un cliente ao que Carmen pregunta se sabe a que Moncho me podo estar referindo. El tampouco ten idea, así que lles digo que tamén me vale se eles queren dicir algo do festival, tanto bo como malo, aclaro.
—Malo non podo dicir nin de broma —ri o cliente que me di que se chama Víctor—. Son o marido de Mari, sabes quen é?
Mari, outra das persoas membro de Teatro Airiños, é ademais a muller do cesto, o rostro que Paola Delfín pintou en branco e negro na rúa Fincheira. Falamos un rato do incrible dese mural, pero de Moncho segue sen haber sinais. Cando digo que teño que marchar, recoméndanme que me achegue ata unha casa que está ao lado do mural de Agustina.
—Seguro que alí atopas alguén que che pode axudar —di Carmen, despois de insistir en que ela tampouco ten nada malo que dicir dos murais.
A poucos pasos delas pode verse a deusa do mar da que falaba Dolores. Fina, de 78 anos, cóntame como hai dúas semanas esa parede estaba negra de sucidade.
Saio do local coa sensación de que nunca vin tanta xente interesada en que se fale de algo. Cando chego ata a casa sinalada, non vexo a Moncho por ningures. Atopo en cambio a Fina e Canducha, dúas mulleres que observan a rúa sentadas á sombra, diante da porta da súa casa, fuxindo do sol. A poucos pasos delas pode verse a deusa do mar da que falaba Dolores, unha pintura dunha rapaza que observa a noite e o día rodeada de paxaros, peixes e flores. Fina, de 78 anos, cóntame como hai dúas semanas esa parede estaba negra de sucidade.
—Estaba negra a parede! Coa máquina de lavar, antes de facer debuxo ningún, pintaron unha árbore. E despois foron facendo unhas marcas, imaxino que para calcular o espazo.
A organización foi quen lavou esa fachada para que a puidese pintar Agustina Shuan, unha artista arxentina afincada en Galiza. A imaxe que debuxaron ao limpar a parede, e que Fina tomou por unha árbore, era en realidade un cervo, o símbolo desta edición do festival inspirado nun petróglifo da contorna.
Durante os dez días nos que Agustina e o seu asistente, Diego Vites, estiveron pintando, Fina conta como non se perdeu un só. Agustina chegaba pola mañá cedo e volvía pola tarde, cando baixaba o sol, cunha lona estendida para protexerse contra a calor.
—Moncho, un amigo que agora anda durmindo pola casa, e mais eu iamos case todos os días falar con Agustina, e tanto ela como o outro rapaz paraban de pintar para falar con nós. Ata nos ensinaron o catálogo dela para que vísemos un pouco o estilo do que ían facer —di—. Cando remataron o mural, que eu creo que é a rianxeira, fíxenlle unha foto e mandeilla aos meus netos. E aos dous encantoulles!
Conclúo que Moncho, o home que levo un anaco buscando, dorme a sesta a poucos metros de onde estou. Mentres penso nisto, Fina ensina a pantalla do móbil. Debaixo da foto que lles enviou aos seus netos, un deles escribiu: «que bonitooo». Canducha e ela comentan tamén como os coches agora frean ao pasar por diante da parede de tanto que chama a atención.
Despois de gardar o teléfono, sen levantarse da cadeira, Fina xírase para abrir a porta da casa e berra para chamar a Moncho. Na xanela do piso de arriba non tarda en asomar un home de pelo branco coa sesta marcándoselle na cara.
—Ti es artista? —pregunta, e sen agardar resposta, engade—. Os murais están moi ben, moi ben. Gústannos moito. Despois mete de novo a cabeza pola ventá e desaparece.
Días máis tarde, saberei que Agustina Shuan non pintou nin unha rianxeira nin unha deusa do mar: o mural fala da migración, de ir máis alá do territorio coñecido. Se Dolores viu un conto e Fina é rianxeira debe ser porque, no fondo, todas as respostas son correctas.
O meu seguinte obxectivo é darlle a Juanita a publicación do Novo Barbeiro onde se ven todas as localizacións do festival. Pero, antes de facer isto, quero usalo para buscar os outros dous murais desta edición. Na Martela, Lula Goce pintou unha homenaxe ás mulleres mariñeiras na liña que traballa sempre: retratos femininos e flores. En Buhía, Alejandro Mosquera usou a parede para contar a lenda do Pozo Bastón, unha historia que fala de como un home que quería tres fillas fixo un pacto cunha moura. Esta deulle tres bolos de pan para botar ao pozo, pero o home, que tiña fame, trincou un anaco dun deles e iso fixo que unha das fillas nacese sen unha perna. Outra historia relacionada coa auga que agora está visible nun dos muros de pedra de Rianxo.
Despois de visitar brevemente os dous murais, saio na procura de Juanita. Para iso, regreso ao bar A Lareira, porque enfronte vive esta muller de 94 anos, que, din, goza lendo e paseando pola vila. Cando chego, atópoa a piques de entrar na súa casa, e cando lle digo que teño algo para ela, senta comigo nun banco de pedra.
—Sabes en que ano nacín? —pregunta colléndome da man—. No 1932. E dis que tes algo para min? —engade sorrindo—.
Cando lla dou, Juanita colle a publicación con ilusión e dime que ía buscala á farmacia, pero agradece que lla traian en man. Os murais gústanlle moito. Fálame do seu pasado en Rianxo e das súas fillas, que conseguiu mandar á escola para que fosen mestras. Despois, dentro da casa, ensíname as fotos da súa familia.
Antes de que marche, dáme as grazas outra vez. Ao saír, fíxome en que pousou o plano de Viladomar nunha mesa na que tamén garda fotos, notas que lle escribiron e outras publicacións sobre cultura e sobre historia. Penso que non hai mellor sitio para o Novo Barbeiro ca ese.
O festival remata como remata case todo en Rianxo: no mar. Cada ano, o último día, artistas e organizadoras embarcan para dar unha volta pola costa e despedirse da vila ao solpor.
O festival remata como remata case todo en Rianxo: no mar. Cada ano, o último día, artistas e organizadoras embarcan para dar unha volta pola costa e despedirse da vila ao solpor. Viladomar sempre mirou cara á auga —hai anos nos que a asociación de mulleres do mar, Mulleres Salgadas, deu charlas; e parte da decoración que usan no festival está feita con boias e outros obxectos do mar— quizais por iso esta despedida resulta coherente. De feito, a embarcación sobre a que estamos é un vello bateeiro reciclado en barco de recreo.
Ao mirar cara a Rianxo, non se ve case ningún mural. Nalgún momento da viaxe, tres das persoas que axudaron a organizar o festival sacan instrumentos —un bombo, unha gaita e un tamboril— e póñense a tocar. Os murais do Viladomar son como esta música: pode que non permanezan para sempre intactos nas paredes, pero queda a sensación que deixan sobre a pedra. A mesma que semella que deixan na veciñanza desta vila mariñeira.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!