Arte contemporáneo
MARCO á deriva

A decisión de Iñaki Martínez, director do MARCO de Vigo, de non renovar o seu contrato á fronte do museo, reaviva o debate sobre a implementación do código de boas prácticas nas institucións culturais, e sitúa o museo nunha difícil encrucillada sobre o seu futuro inmediato.

14 jun 2017 11:55

A redución orzamentaria que o MARCO vén sufrindo nos últimos anos —principal argumento que o director do museo mencionou no seu comunicado do pasado mes de decembro—, constitúe a punta do iceberg dunha cada vez máis tensa relación entre o museo e o Concello. Non deixa de sorprender que o MARCO sexa un dos centros de arte contemporánea mellor valorados, non só en Galicia, senón no conxunto do Estado español, e que, porén, conte cuns orzamentos tan exiguos para levar a cabo o seu programa. Pero sorprende aínda máis que tras 15 anos, e sendo un indiscutible referente cultural e social para a cidadanía, non só diminuíran as súas achegas orzamentarias por parte das diferentes Administracións públicas galegas e do Goberno estatal, senón que o museo sexa visto, por parte do Concello de Vigo (principal socio da Fundación MARCO), con receo preocupante, cando non desinterese manifesto ou mesmo falta de respecto.

En xaneiro de 2015, e con motivo da presentación aos medios do programa anual do museo, o alcalde da cidade e presidente do padroado da Fundación, Abel Caballero, arremeteu contra a Xunta de Galicia pola redución nas partidas orzamentarias destinadas ao MARCO. Cando unha xornalista lle pide ao director do museo que dea a súa opinión sobre este asunto, o alcalde impide reiterada e bruscamente que Martínez poida expresarse libremente. “O alcalde de Vigo non necesita que apoien as súas palabras, apóiaas a cidade pola vía dos votos”, unha frase que, xunto ao vídeo rexistrado na dita conferencia de prensa, converteuse inmediatamente nun documento viral nas redes sociais. Esta actitude, máis propia da dereita recalcitrante que dun alcalde socialista, provocou unha reacción unánime de indignación por parte da comunidade artística, tanto en Galicia como no resto do Estado.

Caballero e o MARCO 

Abel Caballero foi ministro de Turismo no Goberno de Felipe González, durante a segunda metade dos oitenta, e máis tarde deputado no Congreso dos Deputados até 1997, momento no que abandonou o seu escano para presentarse como candidato do PSdeG á Xunta de Galicia. A vitoria de Manuel Fraga desprazou a Caballero da órbita política, aínda que seguiu desempeñando o seu papel como parlamentario autonómico na oposición, até o ano 2001. A partir daí, e nun curto prazo de tempo, publica catro novelas que lle dan grande popularidade e, dalgún xeito, lexitímano para lanzarse de novo á vida política activa como un referente cultural do socialismo. No ano 2007 sae elixido alcalde na cidade de Vigo, cargo que renova en 2011 e 2015, esta útima vez cunha esmagadora maioría absoluta. Esta vitoria definitiva catapúltao como o intérprete do pobo, máis aínda, como o salvador —versión socialdemócrata liberal—, dun socialismo populista.

A partir deste perfil podemos entender mellor o choque entre Caballero e Iñaki Martínez, quen, durante os últimos 11 anos, veu desenvolvendo un programa no MARCO de claro apoio á escena internacional, nun intento por situar o museo no mapa europeo, pero cuxas actuacións non sempre foron gabadas pola escena artística local.

A redución ORZAMENTARIA do MARCO é a punta do iceberg dunha cada vez máis tensa relación entre Concello e museo
Martínez formou parte, a mediados dos 90, do equipo de Gloria Moure no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), recoñecido internacionalmente naquela altura polo alto nivel das súas exposicións. Convén apuntar aquí que Moure foi destituída fulminantemente pola Xunta de Galicia, tras catro anos na dirección do CGAC, acusada de levar a cabo unha xestión personalista e de falta de control administrativo sobre o centro. Destitución que, porén, Moure atribuíu aos odios espertados por aqueles que “pretenden que nada cambie para ter un terreo seguro onde moverse”.As actuacións de Iñaki Martínez no museo vigués —debedoras do seu período de iniciación profesional no CGAG— foron rebatidas, non de facto, pero si baixo formas sutís de presión e de intromisión política. Fontes moi próximas á dirección do museo falan dun relato ben nutrido de “recomendacións” municipais, que van desde a celebración dun desfile de “moda joven” nas salas de exposicións do MARCO por parte duns coñecidos grandes almacéns, pasando pola exhibición permanente dunha colección de azulexos do Faro de Vigo, até a tan traída exposición de copias dos guerreiros do Xi’an, cuxas condicións, xa á marxe doutras cuestións, implicaban o cobro dunha entrada aos visitantes. Finalmente, ningunha destas actividades e exposicións tiveron lugar no MARCO, pero esixíronlle á dirección do museo un labor diplomático de enorme desgaste persoal e profesional, que non obedecía a outro argumento que o de salvagardar, tal e como recollen os estatutos da Fundación MARCO, o seu compromiso coa “realización de actividades culturais de investigación, educación, formación, conservación, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporánea, con particular atención á produción artística da Comunidade Galega, así como a estatal e internacional”. 
A POLÍTICA CULTURAL do Concello, fóra dos muros do MARCO, constitúe unha contra estratexia, moi ben deseñada
Por outra banda, e fóra dos muros do MARCO, diríase que a política cultural do Concello rexido por Caballero, constitúe unha contra estratexia escrupulosamente deseñada e, por certo, bastante ben dotada economicamente, a través de diferentes programas de arte e intervención no espazo urbano. Chama poderosamente a atención, por exemplo, o programa Mostrarte, que ten lugar nas dependencias da alcaldía. O artista Mingos Teixeira, secretario de cultura do PSOE en Vigo, é o encargado de programar a que algúns analistas cualificaron como “sala pantasma”. Tanto sobre este programa de exposicións, como sobre os proxectos de arte pública promovidos e financiados polo Concello, algúns profesionais pregúntanse cales son os criterios de selección e cales as comisións responsables para cualificar a súa excelencia en termos de interese artístico e de gasto público. De feito, neste último aspecto as diferenzas entre uns proxectos e outros son notables.

Mentres, a clase política segue esixindo cifras de visitantes nas institucións culturais, favorecendo o cuantitativo por enriba da calidade das audiencias e da importante tarefa educativa que urxe levar a cabo por parte dos nosos museos e centros de arte. Se ben é claro que as políticas culturais teñen que ser democráticas e deben incluír visións e prácticas de moi diverso calado, non se pode aceptar a vella máxima do “todo vale”. Sería desatinado aplicar este criterio aos ámbitos da Saúde ou dos Servizos Sociais por exemplo, pero parece que a cultura non acaba de entenderse como asunto prioritario e como ferramenta de rexeneración e transformación social. Moi ao contrario, o clientelismo e a arbitrariedade campan polos seus foros. En palabras de Ania González, avogada, crítica de arte e unha das voces máis incisivas no relativo ás políticas culturais na cidade de Vigo, “en tanto non fagamos un acto de coherencia e asumamos a natureza necesariamente vinculante do noso discurso e as nosas prácticas, o único ao que estaremos contribuíndo é á restauración da orde mediante a recolocación dos mesmos axentes culturais e políticos que, do nepotismo máis tradicional, pasaron á retórica instrumental da democratización cultural”.

O MARCO de Vigo enfróntase a un futuro incerto e, se atendemos ás recentes declaracións realizadas polo alcalde, polo momento non se garante a súa continuidade como estrutura para a reflexión, difusión e investigación no ámbito das prácticas artísticas e do pensamento no presente. Pero produce certa alarma cando o propio alcalde cualifica o museo como “sala de exposicións”, e pon énfase na cuestión do seu financiamento por riba da necesaria reflexión á que ten que someterse a institución co obxectivo de non poñer en risco o importante capital cultural, educativo e crítico que se forxou nos seus 15 anos de vida. Moito menos aínda está garantida a aplicación do código de boas prácticas para a elección do futuro director ou directora da institución. Neste sentido, a reacción por parte do sector da arte en España foi inmediata. Nun comunicado conxunto subscrito, entre outras, pola Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España, o Consejo de Críticos de Artes Visuales e o Instituto de Arte Contemporáneo, e enviado en abril aos medios de comunicación, maniféstase unha “preocupación pola situación que atravesa o MARCO e pola absoluta opacidade e falta de transparencia da que están a dar mostras o Concello de Vigo e o Padroado da Fundación MARCO, como órgano responsable do bo funcionamento do museo, sobre o proceso de selección dunha nova dirección que permita a supervivencia do proxecto”.

A batalla pola arte digna

A batalla pola dignificación do sector da arte e pola defensa duns protocolos definidos de actuación, ten como orixe unha serie de conversas iniciadas en 2006 entre o Ministerio de Cultura e boa parte das asociacións profesionais do sector en España. Destes encontros nace o Documento cero do sector da arte contemporánea, centrado nas boas prácticas en museos e centros de arte. Un documento por medio do cal o Ministerio recoñece ao sector como tal, e tamén que este se articula a través de asociacións. Aínda que non ten carácter normativo e só suporá compromisos para aquelas institucións que o asuman, o Ministerio de Cultura fai propias estas boas prácticas e anima a que as Administracións autonómicas e locais as adopten. No mesmo explicítanse e descríbense moi claramente as estruturas de xestión, os padroados e os criterios de selección para os postos de dirección de museos e centros de arte, concluíndo cun texto que analiza o papel social das institucións culturais: “Os museos débense concibir non só como contedores de obras de arte, senón como laboratorios de comportamentos artísticos abertos ás experiencias cambiantes do mundo e ás linguaxes que as fan visibles. Son, pois, tanto lugares de produción e xeración de propostas de creadores actuais como de investigación e estudo das prácticas artísticas contemporáneas... É, pois, necesario un concepto dinámico de museo baseado no tecido social que o sustenta, comprometido coa información e a educación sobre as linguaxes e discursos contemporáneos”.

Yolanda Romero, membro destacado de ADACE dende o seu momento fundacional, e unha das profesionais que máis traballou pola implementación do código de boas prácticas en España, pensa que “se este documento se aplicase na súa integridade aos museos e centros de arte, boa parte dos seus problemas veríanse minimizados, xa que, en definitiva, o que achega é unha estrutura de xestión autónoma, profesional, participada, que permite un desenvolvemento máis sólido das institucións culturais e que, de certa maneira, protéxeas das posibles inxerencias e da inestabilidade, que é tan negativa para o seu desenvolvemento”.

Pero, a pesar dos avances indiscutibles, a realidade é que a día de hoxe as interferencias políticas seguen a ser habituais en boa parte das nosas institucións artísticas. Algunhas delas constitúen verdadeiros casos de abuso de poder e de desprezo absoluto, tanto aos profesionais do sector da arte como aos seus programas e estratexias de actuación. Pero aínda sen chegar a estes casos extremos, o certo é que practicamente todos os profesionais que desempeñaron cargos de responsabilidade á fronte de museos e centros de arte, tiveron que padecer algún tipo de presión ou inxerencia por parte das Administracións das que dependen.

No fondo do asunto está a ausencia de verdadeiras políticas culturais no noso país. Unha situación cuxa orixe podemos situar na autarquía social, política, económica e cultural do franquismo, e que evoluciona de maneira urxente e precipitada na España democrática das autonomías; un momento que foi definido como a era do boom institucional. No ensaio La práctica artística y su entorno, asociacionismo, paradojas, promesas, obligaciones y derechos, o artista Daniel García Andújar analizou con lucidez este contexto: “A escasa educación democrática do país e a nosa falta de experiencia delegou esta inxente tarefa na nova Administración Pública, entendendo que esta servía con obxectividade aos intereses xerais e actuaba de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que todo Estado democrático moderno ha de seguir. Nada máis lonxe. Como en tantos temas, neste tamén metemos a pata, confiamos, improvisamos, copiamos modelos que xa andaban no despezamento, inventamos o noso xeito e, seguramente, deixámonos enganar en máis dunha ocasión. Nunca se propuxo un debate sereno e ordenado sobre a función de toda esa nova maraña estrutural. Na década dos 90, do día á mañá, vimos brotar por todas as partes edificios flamantes que adornaban as nosas cidades”.

comunicado
“As Administracións deben interiorizar que as prácticas artísticas non son algo circunstancial, un adorno inocuo, un dispendio pouco menos que inútil do que se poida prescindir cando se axustan as contas. Moi ao contrario, son o necesario e imprescindible i+d da elaboración simbólica, son as produtoras do material sensible que conforma o ADN dunha comunidade, o conxunto de procedementos que sementa de sinais o imaxinario colectivo e proporciona a cada membro desa sociedade instrumentos para experimentar o seu propio lugar no mundo”. 
Comunicado do Instituto de Arte Contemporáneo sobre a situación do MARCO

Algunhas críticas culturais van máis aló na cuestión do código de boas prácticas para abordar outra variable de análise determinante, a do sexo. Xabier Arakistain, comisaria de exposicións independente, centra a cuestión no art. 26 da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres: “Nas accións a propor por un campo da arte e unhas institucións artísticas e culturais máis democráticas e representativas, deberíamos ter presentes unha serie de ferramentas básicas, como a da aplicación de cotas de sexo, non só na constitución dos órganos de dirección, senón tamén nas programacións e na formación de coleccións”.

Mais a gran ameaza que sobrevoa sobre as nosas institucións artísticas públicas reside na progresiva privatización das súas funcións e mecanismos de xestión. O artista Rogelio López Cuenca escribiu extensamente sobre o caso do Centro de Arte Contemporáneo de Málaga, un dos expoñentes máis claros deste fenómeno de captación de capital privado nas institucións públicas: “O centro é xestionado por unha empresa privada cunha falta de transparencia só comparable aos xeitos nos que os goberna o director de unha e outro, Fernando Francés, que vai estendendo progresivamente a súa presenza en todo o que no eido da arte contemporáneo sexa susceptible de xerar dividendos, na capital e na provincia. O edificio que ocupa o CAC foi concibido e utilizado como mercado de abastos, o que parece pesar tamén no seu sino, pois a súa programación non parece atender a outro norte nin criterio que o mercado mesmo: máis parece a lista do máis vendido que outra cousa, o hit parade do mercado da arte. Como faría unha galería privada. Só que con diñeiro público” (El elefante blanco y la marabunta, no catálogo de exposición Felicidad museística, Junta de Andalucía).

Un aspecto sobre o cal incidiu tamén Santi Eraso, ex-director de Arteleku e analista cultural independente: “En España, ao longo destes últimos dez anos, os orzamentos públicos dedicados á arte e á cultura diminuíron máis do 50% e, polo tanto, as institucións culturais víronse obrigadas a axustar os seus gastos e a captar outros recursos privados. Esta alteración substancial da súa economía deixou un campo aberto para que a súa xestión se vaia parecendo cada vez máis á das industrias culturais, confundindo a función democrática e social coas lóxicas empresariais” (La cultura entre bienes públicos y privados, no seu blog Arte, Cultura, Ética y Política).

A CULTURA non se entende aquí como transformación social. Ao contrario: o clientelismo campa polos seus foros
Os profesionais do ámbito da arte contemporánea, dentro e fóra do noso país, observan con alarma o presente e devir das nosas institucións artísticas. A sociedade debe tomar consciencia da verdadeira función dos nosos museos e centros de arte, da súa misión social, educativa e transformadora. Unha misión que está nas antípodas daquela outra que entende o museo como unha mera “sala de exposicións”, como contedor para instalar artefactos inocuos e simplemente decorativos. En definitiva, urxe desmontar as vellas prácticas no ámbito da cultura, protexela do xogo político e partidista pero tamén do clientelismo e intrusismo instalado en grande parte das políticas culturais promovidas e financiadas polas nosas institucións públicas. Non se trata de defender unicamente os dereitos do sector, senón de velar por unha necesaria saúde no ámbito institucional, co obxectivo de que a arte e o pensamento poidan ser transmitidos coa liberdade e espírito crítico a partir dos que toda manifestación artística é concibida.

MUSEO OU INDUSTRIA
“Nestes tempos de crise, hai que seguir reivindicando o museo como un servizo público necesario. A pretensión de converter o museo nun espazo atractivo para o capital global, nunha peza máis da industria do entretemento, fronte a concepción do museo como espazo para a memoria, a educación e o debate público, leva á prostitución da institución, que queda exposta irremediablemente a venderse ao mellor ofertante, a buscar un millonario por marido”.
Yolanda Romero, El museo, ¿prostituta de lujo? No, gracias

“No ámbito da arte seguimos a ter un comportamento individualista alarmante. A presión dos artistas plásticos sobre a clase política/administración é case nula. Agora xorde unha nova asociación de artistas en Galicia, e dende a facultade de Belas Artes impulsamos unha asociación de ex estudantes que axude a dignificar a situacións dos titulados. Pero é complicado, porque non temos hábito da defensa do común, ainda máis coa crise, nótase no contorno un sálvese quen poida”
Silvia García, Decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra
 
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
Cine
Constanze Ruhm “Tenemos que conocer el canon para saber enfrentarnos a él”
Preguntada por cómo define su propio cine, la artista y directora Constanze Ruhm responde con firmeza: “Yo soy una directora de cine feminista, mis películas son feministas”.
Sphera
Palestina: El Arte de la Resistencia (3) “La mayoría de mi trabajo tiene que ver con ser un palestino viviendo bajo la ocupación israelí”
Motasem Siam, joven artista palestino procedente de Jerusalén, expresa a través de su obra su experiencia cotidiana del odio y la opresión. Conversamos con él en esta tercera y última entrega de Palestina: El Arte de la Resistencia.
1 de mayo
1º de Mayo Euskadi se moviliza contra la 'patronal explotadora' este 1º de Mayo
Además de los temas laborales, ha habido otras reivindicaciones y recuerdos a favor del Euskera, los presos o el genocidio israelí en Palestina.
1 de mayo
1º de Mayo ‘Contra la guerra y el capitalismo’ en este Primero de Mayo interseccional de Madrid
Decenas de colectivos exigen en la calle acabar con el militarismo creciente, las violencias transversales y un espacio para todos los colectivos en la lucha de clase.
There Is Alternative
There Is Alternative There Is Alternative #2: de supermercados, las cosas del comer y todo lo que no sea Juan Roig
Segundo episodio del podcast There Is Alternative de El Salto Radio sobre el lado oscuro de los supermercados, las grandes superficies y sus alternativas cooperativistas.
Laboral
1º de Mayo Inmigración y sindicatos: derechos universales o derrota colectiva
Los líderes sindicales no pueden ofrecer soluciones realistas para la situación de las personas migrantes, porque parecen asumir la vieja tesis de que la inmigración perjudica a la clase trabajadora en su conjunto.
Energía
Gran apagón Apagones, energías renovables y estabilidad del sistema eléctrico: tareas pendientes y visos de futuro
Es posible avanzar en la penetración de las renovables, al menos hasta cierto punto, sin perder seguridad en el sistema energético. Este debe modernizarse, descentralizarse y estar planificado por el Estado, opina un experto.

Últimas

Eventos
Evento Un Salto al periodismo desde el barrio: acompáñanos en un directo sobre periodismo situado
El Salto organiza un evento centrado en el potencial de los formatos sonoros para transmitir información veraz y fiable de forma cercana. Para hacer periodismo desde el barrio y barrio desde el periodismo.
Ley Trans
Ley trans El Constitucional enfrenta el recurso del PP a la ley trans, los colectivos piden evitar la senda antiderechos
El Alto Tribunal deliberó por primera vez sobre este recurso sin llegar aún a ninguna decisión. Plataforma Trans pide que no se sume a la carrera de odio contra las personas trans y avale la norma.
1 de mayo
1 de mayo Primero de Mayo: contra el militarismo y por la paz universal
Europa reaviva su deriva militarista. Como en 1914, el movimiento obrero se enfrenta al dilema de sumarse al consenso bélico o alzar la voz por la paz.
Eléctricas
Oligopolio eléctrico Sánchez no admite responsabilidades en el apagón mientras sus socios piden nacionalizar la red eléctrica
El presidente del Gobierno señala a los “operadores privados”, entre ellos Red Eléctrica, cuyos últimos dos presidentes vienen del PSOE y cuyo principal accionista es el Estado, con el 20%, seguido por el 5% de Amancio Ortega.
Antimilitarismo
Rearme El gasto militar mundial se dispara
El gasto militar en el planeta aumentó en 2024 un 9,4% respecto a 2023, lo que supone el mayor incremento interanual desde la Guerra Fría.
Más noticias
Pobreza energética
Energía Apagón crónico: lugares donde no volverá la luz, a pesar de la restauración del sistema eléctrico
Miles de personas en el Estado español viven día a día apagones y falta de suministro en lugares como Cañada Real (Madrid), la Zona Norte de la ciudad de Granada o los asentamientos de jornaleras y jornaleros migrantes en Huelva y Almería
València
València El tejido social presenta su propuesta de reconstrucción tras la dana
Los Comités Locales de Emergencia y Reconstrucción y las asociaciones de víctimas definen los presupuestos de Mazón y Vox como una declaración de guerra.
Galicia
Galicia La Xunta aprobó la celulosa de Altri argumentando que su chimenea de 75 metros sería “icónica”
El Informe de Patrimonio Cultural, favorable a la multinacional, se emitió en base a dos encargos externos, contratados y pagados por la empresa al ex presidente y al actual tesorero de Icomos-España.

Recomendadas

Cómic
Fabien Toulmé “Hablar de trabajo es menos sexy que hablar de amor o de guerra”
En su libro ‘Trabajar y vivir’, el autor francés recorre distintas realidades reflejando cómo las personas se relacionan con ese mandato ineludible de hacerse con un empleo para sostenerse económicamente.
Empresas recuperadas
Natalia Bauni “En este primer año del Gobierno de Javier Milei casi no hubo empresas recuperadas”
Natalia Bauni es coordinadora del Observatorio Social sobre Empresas Recuperadas y Autogestionadas del Instituto Gino Germani de la Facultad de Ciencias Sociales de la Universidad de Buenos Aires.
Eléctricas
Sistémica eléctrico Del lobby nuclear a la burbuja de las renovables: comienza la pugna por encontrar al culpable del apagón
Un crecimiento desmedido de las renovables guiado por intereses corporativos y una red eléctrica que no ha sido actualizada a la nueva realidad energética son algunas de las causas señaladas del apagón del 28 de abril.
Senegal
Migraciones El mito de la migración ordenada: la denegación de visados por el Consulado de España en Dakar
Maltrato institucional. Estas dos palabras son las más escuchadas cuando se pregunta a personas descontentas con el Consulado de España en Dakar. Cada vez más personas denuncian denegación de visados que no consideran justificados.