Opinión
Dos megaincendios ao lume controlado coa paisaxe mosaico
O lume é un fenómeno natural, non vai deixar de existir. Os grandes incendios, pola contra, son só causa da nosa necidade. Un cambio de paradigma territorial que aplique o modelo de paisaxe en mosaico conseguiría o seu adecuado control ademais de proporcionar un escenario para un futuro máis ecolóxico e economicamente sostible. A falta dunha imaxe mental que nos serva de guía, esta reportaxe que consiste de dúas partes, unha na que se explora a problemática e outra na que se afonda nas solucións, pretende ilustrar a través de cinco persoas entrevistadas ese futuro sen grandes lumes co fin de facilitarlle á poboación a unificación de esforzos cara un destino que beneficia a toda a comunidade.
A natureza, en condicións de cambio climático, vese, cada vez con máis frecuencia, afectada polo lume. Os incendios que tiveron lugar este 2025 foron os máis grandes da historia galega. Apareceron un día de vento e bochorno no que o avance das lapas era rápido, perigoso e difícil de apagar. Iso sumado á prominente continuidade do territorio forestal en Galicia ou Asturias fixo que, a pesar dos grandes esforzos dos equipos de extinción, só a choiva e a humidade os conseguise deter días despois. A solución semella enigmática, máis que un problema a resolver un misterio que descubrir. Porén o remedio xa existe, é complexo, si, require tempo e recursos; mais non é tan complicado como parece nun principio pois xa se está a aplicar con éxito en diferentes puntos do territorio español.
Para coñecer o estado do rural galego e indagar sobre o futuro que se pode construír, falamos con Emilio Díaz Varela (profesor de ordenación do territorio na USC), Mar Pérez Fra (economista especializada no ámbito da política agraria e profesora na USC), Isabel Villalba Seivane (secretaria xeral de SLG), Sandra Otero (enxeñeira forestal na empresa privada) e Lourenzo F. Prieto (catedrático de historia contemporánea da USC ). Todos eles non só levan anos concienciados da problemática que supoñen os incendios tanto a nivel ecolóxico como social, senón que traballan activamente para darlle solución.
“Cal foi o motivo dos incendios?”, pregúntase Sandra, “as noticias culpan aos tractoristas”. Esta enxeñeira forestal sabe que a pesar de haber accidentes, non todo o lume o é. Aínda no caso dun accidente “de estar ben xestionado o monte non ardería máis de dúas, tres ou catro hectáreas”, explica, “cando son 50000 hectáreas, que foi?”.
A solución está nas fotografías de fai setenta anos: a paisaxe mosaico
A paisaxe mosaico é un modelo de desenvolvemento territorial que ten como obxectivo mitigar o risco de incendios a través da creación de parcelas de cultivo, zonas de pastoreo e explotacións forestais sostibles. O obxectivo é construír cortalumes produtivos que, ademais de deter as lapas, xeren riqueza e emprego locais.
Tras a vaga de lumes de 2017, foille encargado ao persoal docente e investigador da Universidade de Santiago un documento no que debían describir unha nova política para o rural galego. A evidencia científica asegura que “as condicións edafo-climáticas de Galicia [do solo e o clima] permiten o aproveitamento doutras especies arbóreas, moitas delas produtoras de madeiras de calidade, que xunto á gandería extensiva e ás producións non madeireiras poderían sustentar unha actividade económica diversificada e menos dependente dun só tipo de mercado, o da madeira de piñeiro e eucalipto”.
Por desgraza, este documento foi ignorado e os cambios necesarios non foron aplicados polo goberno así que para poder imaxinar con detalles o aspecto que tería o rural galego e a súa sociedade se este consello se levase a cabo, botamos man das nosas entrevistadas. Mar cóntanos que “este rural potencial pareceríase moito á paisaxe mosaico” e continúa “antes o territorio era principalmente agrario, non era arborado”.
“A imaxe dunha paisaxe en mosaico témola no pasado de hai sesenta ou setenta anos”, explica Lourenzo, historiador, “aínda que non se trata de volver facer as cousas como daquela”. Lourenzo dinos que nos podemos inspirar na distribución territorial anterior ás concentracións parcelaria e forestal. “Temos que romper coa inercia da arborización”, insiste, “lévase desde 1940 facendo concentración forestal para saciar unha produción de papel considerada importante pola ditadura de Franco o que significa que o monte se transformou por procesos de enxeñería social armada, non houbo unha evolución natural,” e continúa, “ese mosaico de hai máis de medio século construíuse durante miles de anos, non foi algo casual como acostumamos a pensar; a industrialización agresiva e invasiva destas últimas décadas pode reverterse”.
Mar critica que a agricultura das últimas décadas era moi intensiva “e non vai volver”. Dende a súa perspectiva de economista considera que Galicia ten espazo para ter un sistema diverso de produción agroforestal con “espazos para pastos aproveitados polo gando co consecuente descenso no custo de produción, menos dependentes de insumos do exterior (millo e soia)”, é dicir, “ unha desintensificación da produción gandeira”. Se pretendemos ter un territorio sostible e resistente a grandes incendios, daquela “a produción forestal e a gandería teñen que ir da man”, afirma Mar, “o gando é necesario para o control da masa”. Esta economista considera que o “eucalipto é unha forma de abandono” e que pola contra “precisamos silvicultores implicados en diversificar o cultivo”.
Mar tamén mencionou a perda na diversificación de cultivos agrícolas, explicando que se podería “recuperar a pataca, o trigo ou outros cereais” os cales son produtos demandados no mercado nacional ou mesmo planificar “implantacións forestais controladas sen masas continuas” posto que “as superficies forestais abandonadas non son un sector produtivo”.
Cando lle preguntamos pola utilidade deste modelo a Isabel, sindicalista, dinos que “a paisaxe mosaico fai que, cando hai un lume, sexa máis fácil de actuar; por exemplo un lume de copas con días calorosos, seca e aire forte colle temperaturas altísimas o que resulta moi difícil de apagar se non hai unha descontinuidade”. Non só se trata do territorio arrasado senón tamén a seguridade de quen ten que apagar as lapas, xa que os “equipos de extinción non poden traballar de noite e con esas temperaturas e condicións é imposible achegarse porque é perigoso”. Isabel coñece ben as consecuencias da ameaza do lume tanto a través do o seu traballo como na vida persoal e sabe que “o lume non vai desaparecer posto que os accidentes pasan, moitos incendios teñen que ver con problemas no tendido eléctrico, por maquinaria que se incendia e cousas similares”. A súa proposta englóbase no modelo de paisaxe mosaico e comezaría por “empezar protexendo o solo de alto valor agrario” facilitando deste modo que se cree esa descontinuidade necesaria para unha máis rápida extinción do lume.
O negocio da madeira
“A planificación territorial faina a economía”, dinos Emilio, enxeñeiro especializado en ordenación do territorio, “o que se planta ou non se planta depende máis do que se paga que do que din os PORFS”, os Plans de Ordenación de Recursos Forestais, ferramentas administrativas deseñadas para levar a cabo unha planificación do territorio que responda a necesidades sociais e ecolóxicas. Por riba diso, Emilio tamén nos conta que “eses plans non están aprobados” polo que tampouco se poñen en práctica.
“Unha matogueira é biodiversidade”, incide Mar, “se xestionamos o territorio non pasa nada” pois “é totalmente contraeconómico pensar que podemos estar rozando o monte constantemente”. Tras ver as máis de 60.000 hectáreas calcinadas neste 2025, non puiden evitar facer a pregunta: Se temos en conta as perdas que se teñen cos incendios poderíamos dicir que continuar co monocultivo nun contexto de cambio climático é negocio de risco? Mar contestou sen dubidar, “se miramos a madeira vendida e restamos os gastos de extinción reduciríanse os beneficios” e engade, “a maior ganancia lévana as madeireiras mentres que quen habita o rural asume as consecuencias dos incendios e as persoas contribuíntes pagamos a extinción cos nosos impostos”.
“Tes a economía dun país nas mans de dous ou tres grupos empresariais”, sumariza Isabel ao preguntarlle sobre o negocio da madeira, “o cal é construír un sistema económico moi pouco resiliente dependente de que unha destas empresas decida irse a outro lado”. “Plantar o que un queira sen facer control de biomasa pode ser rendible para un absentista [propietario ausente que non xestiona o seu terreo] ou unha empresa forestal pero non o é para o resto da sociedade” explica en relación ás consecuencias directas que os incendios teñen sobre o medio ambiente global e a poboación rural en particular.
Sandra, enxeñeira forestal no sector privado, comparte connosco a súa experiencia coas comunidades de montes: “facemos proxectos de ordenación nos que se promoven as frondosas e amplían as faixas de xestión, procuramos non facer monocultivo”. A empresa de Sandra é un caso pouco frecuente xa que “é complicado aplicar unha visión ecolóxica, a empresa forestal non o ten como prioridade, incluso o mercado de CO2 é ao final todo un tema de cartos”. As grandes empresas forestais obteñen unha certificación supostamente ecolóxica mais logo “reciben diñeiro para plantar pino do país e fano en monocultivos o cal vai arder rápida e extensamente devolvendo todo ese CO2 á atmosfera”. A maior dificultade coa que se atopa unha empresa que decida aplicar esa visión de sustentabilidade ao seu traballo é que “a xente segue sen entender que se non participa todo se vai ao traste, fáltanos a base que é a educación”.
“Se queren ter unha produción de madeira hai que facelo con coidado escollendo especies autóctonas e madeiras de alta calidade que supoñan un maior beneficio” explica Sandra, “se teñen parcelas agrícolas non deberían permitir arborado pois os que teñen actividade a miúdo vense oprimidos e pouco a pouco [os terreos agrícolas] merman e desaparecen”. Deste xeito as montañas vanse cubrindo de masa forestal e a discontinuidade natural que había grazas aos pastos e a actividade agraria vai desparecendo. Foi así como a paisaxe mosaico que cubría Galicia décadas atrás desapareceu para deixar un extenso e continuado monocultivo forestal. “Todo o traballo comunitario que se facía antes viña dunha necesidade”, incide a enxeñeira, “daquela era a de comer, agora é a de controlar os incendios”.
Cando a súa equipa chegou a traballar coa xente do Barbanza, Lourenzo atopouse con que seguindo “a lóxica dos intereses, a zona estaba chea de sobreiras, porque antes se precisaba a cortiza para a pesca, e de piñeiros, para facer caixas para os barcos”. Agora, tras os incendios que houbo nesa área e as iniciativas que foron xurdindo acompañadas dos coñecementos que aportan dende a Universidade e a comunidade que habita a zona, procúrase aliñar de novo os intereses da poboación coa produción que alí se leva a cabo para que o mantemento dos montes se faga por necesidade e non por medo a unha multa.
“O territorio ten moito valor pero o capitalismo encargouse de dicirnos que non o ten para que as empresas o adquiran e exploten a baixo prezo” di unha Sandra preocupada pola desvalorización dun ben esencial, “se perdemos a xestión do territorio, perdemos o control”. Ponnos como exemplo casos como o proxecto da celulosa de Altri ou outros tantos xa asentados polo suroeste galego e en particular a industrializada zona de Valga onde ela traballa. “O primeiro que che van facer é cerrarche o grifo da auga” sentencia, “canta máis industria tes máis auga e recursos gastan”.
Manter o control do que se fai no propio territorio é o único que pode protexer á poboación das desoladoras consecuencias do lume. “Ás comunidades de montes sempre lles digo que nunca perdan a xestión do territorio, que lles están a roubar diante da cara”, aclara Sandra, “danche cincuenta mil euros pero son trinta anos, e a letra pequena?, cortan cando queren e o prezo márcao a industria polo que a tendencia é que baixe, e por riba se hai un lume ese contrato xa cambia”. A problemática vai máis alá do presente, transmítese ao futuro. Sandra trata de explicarlles que “os teus fillos van ter que gastar cartos para amañar a desfeita que che van deixar”. O cambio de mentalidade do que fala require “ter claro que non queres algo a curto prazo e desexar deixarlle algo aos teus fillos”.
Por outra banda, están as axudas para realizar traballos no monte. “Prímanse certas empresas” dilucida ela e concreta que se fai “a través da lexislación e os tipos impositivos”. Os convenios son asinados con maior frecuencia con grandes terratenentes e as axudas, por como funciona o sistema de valoración, favorecen aos grandes produtores. “Deberían apoiar aos pequenos para que a xente quede e xestione o monte”, quéixase, “agora compiten cos mesmos puntos unha pequena comunidade de montes e unha empresa privada de gran tamaño”. Un dos maiores atrancos para unha transformación de paradigma no negocio da madeira é a pouca oferta de alternativas coa que se atopan aqueles que posúen pequenos terreos, ou as dificultades fiscais e lexislativas dos autónomos que mostran interese en traballar o monte, xa que isto desanima a que máis xente se una ao cambio. “Se ti permites e favoreces que a industria teña a xestión”, engade, “non podes esperar que o pequeno propietario e produtor sobreviva”. Sen unha motivación especial ou unha consciencia da situación ecosistémica na que se atopa Galicia, a cidadanía media vese empurrada a deixarse levar polos intereses empresariais, que o último que lles preocupa é que o monte arda, posto que as perdas que se ocasionan corren a cargo de quen pagamos os impostos.
De quen é o monte?
As persoas propietarias son o obxectivo principal a quen as planificacións deben ir dirixidas. Xunto coas empresas que viven do monte, son elas ás que hai que educar para que se poida transformar a paisaxe.
Arrastrada polos estereotipos que acompañan á habitual concepción do rural, a maioría da xente pensa que se precisa acudir ás aldeas para informar á xente do rural sobre as complexidades do actual sistema de xestión. Porén, resulta que as persoas propietarias do monte, é dicir aquelas que precisan aprender sobre xestión forestal, residen principalmente en zona urbana. No 2023 os concellos que ingresaron maiores beneficios das cortas forestais en Galicia son os de Lugo-cidade (447.140 m3), A Coruña-cidade (419.527 m3) e Santiago (205.154 m3), nesa orde. É dicir, as decisións que se toman sobre o territorio forestal galego emítense maioritariamente desde zonas urbanas. O seguinte concello sería Narón, polo tanto continuamos a falar dunha vila, con 121.135 m3. Se o comparamos con Chandrexa de Queixa, afectado neste 2025 polo segundo maior incendio da historia de Galicia arrasando máis de 16.000 hectáreas, pode resultarnos ridículo que quen reside neste concello só recibisen os beneficios de 60 m3. Considerando que a súa poboación é de 478 persoas e maioritariamente envellecida, non podemos responsabilizala de xestionar o territorio que a rodea pero que non posúe.
“A maior parte dos galegos estamos vinculados co rural a través da propiedade de fincas rústicas, o concello que máis ingresa por cortas forestais é unha cidade, a produción eléctrica sae do rural e vai para zonas urbanas, os propietarios beneficiados pola explotación forestal viven na cidade e non soportan as consecuencias dos incendios”, quéixase Mar quen estudou en detalle o vaivén económico da produción agroforestal. A formación, se ben é vantaxoso no rural, debe ser localizada con prioridade en ámbito urbano, xa que é onde está a xente que pode marcar a diferencia. Responsabilizar e culpar á xente do rural pola situación do territorio bloquea a capacidade de acción.
Sandra nota que entre as persoas propietarias coas que traballa non hai concienciación ecolóxica ou de prevención de incendios. Segundo nos conta, actúan máis ben porque “teñen medo cando lles mandan as cartas”, e lonxe de pensar no risco medioambiental que supón un monte sen xestionar “o que ven son importes a pagar”.
Logo están as Comunidades de Montes que polo xeral si se responsabilizan activamente da xestión, aínda que cada vez máis reciben ofertas por parte de grandes empresas para que a exterioricen. “As Comunidades de montes pídennos que fagamos proxectos de ordenación, planificamos unhas xestións e así”, aclara, “ao teren un instrumento de xestión xa teñen unhas obrigas e daquela si se van facendo os traballos necesarios nos prazos adecuados”.
As Sofor, Sociedades de Fomento Forestal, son unha figura de xestión comunitaria da que se falou moito no seu momento, aí por 2011, pero que non se desenvolveu gran cousa. “Algunha empresas hai que o venden pero logo os propietarios andan a paus”, conta Sandra, pois a súa experiencia dille que as dificultades da xestión nestes casos sempre radican nos conflitos persoais entre veciños ou familias. As Sofor ofrecen tanta liberdade de acción que en verdade non acaban de crear un marco que funcione como guía á poboación interesada na xestión do territorio. Segundo o Manual das Sofor emitido pola Xunta de Galicia, son pouco máis que unha figura de administración fiscal, aparentemente pensada para facilitar o manexo do territorio dende un punto de vista empresarial pero que esquece aplicar de facto o elemento da sustentabilidade medioambiental e non acaba de fortalecer a acción colectiva.
Como transformamos Galicia para un futuro sen lumes?
Para rectificar ou innovar sobre o territorio precisamos que os gobernos actúen de forma planificada e con certos obxectivos. “Os estados intervencionistas non gustan pero conseguen que se produzan cambios dirixidos”, conta Lourenzo, “os liberais acaban fracasando porque revolven o mundo ambiental”.
“Agora temos unha planificación sectorial que se enfoca só na parte económica mentres que para que exista unha prevención dos incendios é preciso unha planificación integrada”, explica Emilio, “é dicir, aquela que ten en conta todos os axentes envoltos no territorio: forestais, gandeiros, agrícolas, sociais, etc”.
Ter en conta todas estas variables e abarcar todo o territorio galego ao mesmo tempo trátase dunha tarefa titánica, case imposible. “O nivel territorial de planificación óptimo sería o de comarca”, aclara, “os concellos precisan traballar xuntos cun apoio autonómico ou provincial para a coordinación”. As características comúns que definen unha comarca presentan certa homoxeneidade territorial: factores ecolóxicos ambientais, xeográficas, estruturas de agrupación humana, conexións para a comunicación e transporte; tendo en conta estes aspectos resulta máis doado abordar a xestión cunha planificación integrada.
A experiencia de Sandra cos plans territoriais enfócase dende outra perspectiva: “Ninguén os quere porque é unha responsabilidade, a Consellería do Medio Rural pásalle a bola aos Concellos e estes devólvenlla ou pásanlla a Seaga quen se supón fai inspeccións e notifica aos propietarios mais ningunha institución se quere facer cargo porque é un problema complexo de xestionar”. Ao mesmo tempo observa que “hai moita controversia entre as faixas de xestión, espazos que deben estar limpos e sen especies arbóreas e o solo de núcleo, solo urbano onde na realidade hai moitas especies arboradas que non deberían estar pero ninguén comunica nada aos propietarios” pola falta dunha lexislación clara e unha planificación forestal adaptada ao territorio.
“Moitas iniciativas poden partir dunha estrutura ou tecido social do territorio pero o despoboamento dificulta esta vía”, lamenta Emilio ao tratar o tema do baleirado rural, aínda que recoñece que o maior esforzo de transformación está a xurdir dende movementos sociais ou veciñais mentres que a miúdo a administración toma decisións sen ter en conta ás persoas que logo cargan coa responsabilidade e as consecuencias das mesmas. A alternativa serían plans que incorporan proxectos de participación pública, “que a sociedade non só sexa obxecto de planificación senón tamén suxeito de planificación”. Coa experiencia do traballo de campo, Emilio chegou á mesma conclusión que Sandra, existe un reto á hora de obter consenso dentro dunha comunidade que está presente en todo o territorio galego, no entanto, “os plans poden fomentar a comunicación e participación da poboación, iso pode formar parte dos propios plans ou facilitar acceder a outros instrumentos”.
Unha intervención adecuada debe ter en conta todos os axentes sociais implicados polo que os plans territoriais precisarían “algún elemento de coordinación a diferentes niveis para a protección da poboación”, opina Emilio. As intervencións son diferentes segundo o tipo de territorio e sociedade, “é moi diferente intervir nun territorio onde o común é o abandono ou a pasividade que nun no que hai certo dinamismo; no primeiro caso atoparaste unha actitude reactiva ao cambio mentres que no segundo poida que xa haxa iniciativas en funcionamento ou medio encamiñadas”. Durante o seu achegamento ao proxecto Serra do Xistral-Red Natura decatouse de que as comunidades afectadas “non teñen a impresión de que os escoitan” pois as intervencións do pasado non os tiveron en conta. Pola contra, “cando tes unha escoita activa hai mais posibilidades de acertar a dar solucións a necesidades que eles teñen” facilitando que a colaboración e a iniciativa perduren no tempo.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!