A Xunta comunica a Altri o arquivo definitivo da súa celulosa

A Consellería de Economía e Industria comunicoulle a Altri o arquivo “definitivo e firme” da macrocelulosa de Palas de Rei (Lugo) e aclara que a factoría é “inviable”.
Altri santiago - 2
Protesta histórica en Santiago de Compostela contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. Alba Cambeiro
10 jul 2026 16:10

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia vén de lle comunicar a Altri o arquivo “definitivo e firme” do proxecto previsto para Palas de Rei (Lugo) ao considerar que as alegacións presentadas pola empresa lusa son “inadecuadas e insuficientes” e que a factoría é “inviable” nas condicións expostas.

Foi a propia conselleira, María Jesús Lorenzana, quen deu a coñecer a decisión este mediodía en declaracións aos medios. A responsable autonómica precisou que se trata dunha resolución administrativa e que, como en calquera outra, a empresa pode recorrer contra ela.

O expediente arrastra este desenlace desde febreiro, cando se abriu o proceso de arquivo por mor da falta de conexión eléctrica do proxecto: a subestación que precisaba quedara fóra da planificación eléctrica do Goberno central, algo que a Xunta considerou determinante para dar este paso.

A partir de aí, Greenfiber —filial de Altri en Galiza— dispuxo de tres meses para presentar alegacións e propor unha vía alternativa de conexión. A compañía chegou a facelo, xa case esgotado o prazo, argumentando que o proxecto contaría con “autosuficiencia enerxética”. Con todo, iso non foi abondo para que o Goberno galego frease o arquivo xa anunciado.

“Estas alegacións non as consideramos adecuadas ou suficientes para estimar o que pretenden, que é continuar co expediente. Polo tanto, vimos de resolver de modo definitivo e firme por parte da Xunta ese arquivo do expediente de Altri”, explicou Lorenzana.

Cuestionada sobre se a empresa trasladou a intención de presentar unha nova iniciativa, a conselleira asegurou non ter “coñecemento” diso. Pola contra, sinalou que o que busca Altri é seguir adiante co procedemento xa iniciado, o cal, lembrou, “ten unha solución técnica moi concreta”: a conexión coa subestación de Palas.

O problema é que esa infraestrutura non figura no borrador de planificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), un documento xa “moi avanzado” e que o departamento estatal, segundo apuntou Lorenzana, prevé aprobar antes de que remate o ano.

“O que podo dicir é que o proxecto actual que está a tramitar a compañía é inviable por non ter esa conexión. O arquivo é definitivo”, insistiu. A conselleira lembrou ademais que a declaración de impacto ambiental (DIA) ten unha validez de catro anos, dos que xa transcorreu un enteiro, o que reduce aínda máis a marxe de manobra. “Este proxecto non ten moitas posibilidades, por non dicir ningunha, de saír adiante”, rematou.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...