We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Activismo
Activistas bloquean unha planta de Altri en Portugal e avisan de que frearán a súa expansión en Galiza

Un grupo de activistas bloqueou a entrada de camións para cargar pasta de celulosa na factoría de Celbi, unha das plantas de Altri en Leirosa, no distrito de Coímbra en Portugal na madrugada deste domingo. A protesta consistiu en bloquear as portas de acceso con soldadura nas pechaduras e con cadeas. Na propia entrada despregouse unha pancarta coa mensaxe: 'O povo é quem para Altri', dando a entender que será a propia xente, mediante confrontación e acción directa, quen vai deter esta empresa e a súa expansión en Galicia e tamén en Portugal.
O grupo utilizou cadeas e soldadura para pechar as portas de acceso ás instalacións. Ademais, despregaron unha pancarta co lema “O povo é quem para Altri”, unha alusión directa á canción revolucionaria Grândola, Vila Morena, símbolo da Revolución dos Caraveis, subliñando o carácter popular e combativo da acción.
A iniciativa, non reivindicada por ningún colectivo específico, enmárcase nun crecente rexeitamento social aos plans de expansión de Altri tanto en Portugal como en Galicia, onde a empresa proxecta a construción dunha macroplanta de celulosa que xerou unha forte contestación social, ambiental e territorial.
Con esta acción directa, os activistas buscan denunciar o impacto ecolóxico da industria papeleira, así como o modelo de desenvolvemento que prioriza os intereses empresariais sobre o benestar das comunidades e os ecosistemas locais. Ata o momento, Altri non emitiu un comunicado oficial sobre o incidente.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
A protesta en Leirosa marca un novo episodio de confrontación entre a sociedade civil e o xigante papeleiro, nun contexto de crecente tensión e mobilización contra proxectos industriais percibidos como lesivos para o medioambiente e as comunidades rurais.