We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Medio rural
Saír da norma: o rural fronte á diferenza
No medio rural a vida é práctica en todos os sentidos: todo o que se fai, faise co corpo, cunha clara finalidade e do xeito máis efectivo. É como se o práctico fose unha filosofía de vida. Presinto que esta maneira de vivir vén de outrora, dunha sabedoría que as comunidades levan perpetuando dende hai séculos. A lóxica é sinxela e palpable: se sachas as cebolas, medran mellor; se botas as sementes a finais do inverno, tes comida durante primavera; se atopas un traballo, calquera que este sexa, podes cotizar para a xubilación. Toda acción, ten o seu sentido, a súa resposta material.
Así, cando penso na vida da miña veciñanza sinto que toda ela sabe perfectamente os pasos que hai que seguir para vivir do xeito máis óptimo. É un saber herdado que xurdiu da súa relación coa terra e dos séculos de empobrecemento e exclusión. Podo imaxinar que o seu pasado urdiu unha rede de coñecementos enfocados na resolución dos seus problemas materias máis profundos.
Traballar ou as pexas para estudar
A maioría da miña veciñanza adolescente, por exemplo, non contemplan na súa perspectiva de vida estudar unha carreira universitaria. Cousa que é totalmente lexítimo, mais suxíreme facer unha analoxía co dilema do ovo e da galiña: que foi primeiro, ter unha vida orientada ó traballo ou, máis ben, non posuír a oportunidade de pensar nos estudos como unha opción?
As posibilidades de acceder a unha carreira universitarias vivindo no rural non son as mesmas que na cidade, son moito máis reducidas. Nin nas aldeas nin nas vilas hai promoción cultural que expanda os horizontes profesionais das persoas e as universidades tampouco atenden procesos de promoción fóra do contexto urbano. A precariedade e a exclusión territorial empurran dende o bacharelato ó mundo laboral. A carencia en termos de mobilidade obstaculiza os traslados, termina consumindo tanto tempo, tantos cartos e tanta enerxía que non é estraño que a deserción estudantil no medio rural sempre sexa maior que nas cidades. Ou é que se debe só á unha perspectiva de vida diferente?
O caso é que o mundo do estudo queda afastado e, para moita da mocidade do rural, é inalcanzable ou inconcibible. É coma se só polo feito de nacer a máis de 20 quilómetros das cidades xa estivese determinada a túa traxectoria de vida desde o principio.
Saír da norma
Quizabes é por esa distancia que decidir estudar unha carreira universitaria pode chegar a ser mal visto polas comunidades do rural. Sobre todo se se trata de carreiras as que non se lles vexa un rendemento económico claro, como si o teñen a avogacía ou a medicina. Que se fai cun título en humanidades? De que sirve ler? Onde está o beneficio? Os libros non dan de comer como si o fai traballar a terra, sementar unhas patacas ou criar uns años.
É así como comeza a estigmatización. Acostumada como están as poboacións a saír a traballar ó campo, resulta natural que se pense que, se o corpo non se move e fica sentado ó escritorio, non se está a traballar realmente.
A nosa relación coa comunidade fracturouse desde o momento en que o meu compañeiro decidiu estudar na universidade en lugar de traballar. E tornouse irreconciliable cando o meu traballo, ós seus ollos inexistente, me afastou da terra, do traballo “de verdade”.
Foi entón cando nos dimos de conta que a comunidade era moito máis complexa do que pensaramos apenas chegar á aldea. A mesma veciñanza, que nos recibira cos brazos abertos e con cestos cheos de hortalizas, podía tamén chegar a retirarnos a palabra.
Primeiro iniciaron os reclamos a través do xa característico “hai que traballar!”, despois os sinalamentos ás costas que aseguraban que non traballar no campo coma todos e preferir estudar era un asunto de soberbia. Por último, chegou o silencio. Acabaron os saúdos, as risas, deixaron de chamar por nós.
Co pasar dos meses, este choque entre dous mundos foise diluíndo. O illamento ó que fomos sometidos, foi rematando pouco a pouco. Mais, nese tempo coñecemos a outra faceta da aldea. Soubemos o duro e alienante que foi converterse en obxecto dos rumores, dos reclamos. E, por outra banda, tamén recoñecemos a enorme distancia que os centros académicos construíron cos espazos non urbanos.
Aprender a vivir xuntes
No transcurso de todos estes acontecementos, dinme de conta que quizabes hai algo de irreconciliable entre os diferentes xeitos de vida. Que, en todo caso, o que habería que facer para restablecer a relación coa veciñanza era procurar estratexias. Mais non co obxectivo de que se valorasen os nosos intereses, senón só para reparar a conxuntura e poder vivir con acougo.
Se non podemos ofrecer os produtos da terra ou dos animais, como é usual aquí, que tipo de intercambios podemos facer?, que podemos aportar á comunidade? Os lazos comunitarios requiren traballo, negociacións. Ó chegarmos aquí, atopámonos cunha colectividade feita, cos seus pactos, acordos, axudas e dinámicas establecidas para vivir da mellor forma posible nas diferenzas. Mais, ó sermos nós a diferenza, decateime que a vida en común non se dá por si soa, polo mero feito de partillar un espazo. Xa o teñen demostrado as confrontacións armadas, os éxodos, os guetos.
O medio rural ensínanos, mais tamén nos fai reformularnos a pregunta: como vivir xuntes?
Aínda non o sei. Quizabes non logre pescudalo na miña propia pel. Mais sei que é posible construír o respecto á diferenza, a empatía e o recoñecemento da dignidade allea. Ó final, que facemos neste mundo, para que lemos, escribimos, traballamos, imos ó cine ou ó bar se non é para atoparnos e tentar aprender a vivir xuntes?
Relacionadas
Galicia
Economía ¿Quién lidera el negocio del eucalipto en Galicia al que Altri quiere sumarse?
Galicia
Galicia La TVG adjudica un plan de publicidad de 620.000 euros en medio de la mayor crisis reputacional de su historia
Galicia
Medio ambiente Un pueblo gallego se rebela contra la construcción de una presa en un glaciar rocoso de 100.000 años
Diox... que oportuno este texto para o meu propio proceso de ruralización.