As traballadoras de Sargadelos levan tres días sen poder entrar na fábrica

Os sindicatos denuncian un “peche patronal” mentres o cadro de persoal segue sen cobrar a nómina de novembro. O dono, Segismundo García, vén de anunciar un ERTE que afecta a 86 traballadoras.
Mujeres Sargadelos
Concentración de traballadoras frente a empresa Sargadelos. Foto: CCOO Galicia.

Este martes, as traballadoras de Sargadelos presentáronse ás portas da fábrica de Cervo para cumprir coa súa xornada laboral. Pero, unha vez máis, as portas da histórica factoría permaneceron pechadas. É o terceiro día que o cadro de persoal se atopa nesta situación, bloqueado e sen poder acceder ao seu posto de traballo, nunha situación que os sindicatos califican de “peche patronal”.

Segundo confirman fontes sindicais consultadas por este medio, o cadro de persoal segue asinando un rexistro que envían á Inspección de Traballo para que quede constancia de que non abandoan o seu posto. A empresa, pola súa banda, non lles comunicou absolutamente nada.

A semana pasada, o propietario de Sargadelos, Segismundo García, anunciou a apertura dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) “por forza maior” tras unha visita da Inspección de Traballo. A medida, con efectos ata o 15 de decembro, afecta a 86 traballadoras. Ao mesmo tempo, García comunicou ao Xulgado Mercantil da Coruña a súa dimisión como xestor e CEO das fábricas de cerámica.

Segundo informa Lois Nieto, da Confederación Intersindical Galega (CIG), o ERTE non foi comunicado ás traballadoras, “enteráronse pola prensa”. Pola súa parte, José Antonio Zan, de Comisións Obreiras (CCOO), é contundente: ”Que Inspección de Traballo che faga uns requerimentos non é unha causa de forza maior“. 

A propia Xunta rexeitou o ERTE presentado pola dirección de Sargadelos por consideralo “incongruente” e incompatible coa normativa laboral.

Os sindicatos denuncian que Segismundo García continúa impedindo que o persoal exerza o seu dereito a acudir ao seu posto de traballo, nun comportamento que cualifican de “infantil”. Lembran tamén que o labor das traballadoras é tecnicamente esquisito e que, grazas a esa capacidade profesional, as vendas da empresa seguen en aumento.

Dous casos de silicose desencadean o conflito

A orixe do conflito remóntase a abril deste ano, cando Inspección de Traballo abriu un expediente tras detectarse que dúas traballadoras desenvolveron silicose na fábrica de Cervo. Inspección detectou un total de 36 infraccións e impuxo unha multa de 5.000 euros. Tras estas resolucións, Segismundo García decidiu botar o peche na fábrica.

En vez de buscar unha solución coa autoridade laboral, García optou por “enviar a todo o persoal á rúa durante máis de dúas semanas e montar un circo mediático”, segundo denuncian dende CCOO. Aquel episodio rematou nun acordo coa Consellería de Emprego —do que se descoñecen os detalles— e na reanudación da actividade, sen que, segundo os sindicatos, se cumprise todo aquilo que se ordenaba en materia de prevención.

Cando Inspección volta en novembro para cerciorarse de que se tomaran as medidas preventivas obrigatorias, a resposta de García foi, de novo, pechar a fábrica. ”É unha pataleta de neno pequeno“, afirman desde CCOO.

O persoal, doblemente castigado

Os sindicatos recalcan o dobre castigo que están a sofrir as traballadoras. Por unha banda, unhas instalacións en mal estado que non garanten a súa saúde; e, por outra, verse na rúa sen poder acceder ao seu posto de traballo. Ademais, denuncian que aínda non cobraron a nómina de novembro, cando tradicionalmente o pagamento se realiza o último día laborable de cada mes.

A situación resulta especialmente dura nestas datas, en pleno período navideño, cando as cargas familiares se intensifican. O persoal vese inmerso nun proceso particularmente complexo e os sindicatos amosan a súa preocupación polo impacto que todo isto poida ter na saúde mental das traballadoras.

A situación resulta aínda máis paradoxal ao contrapoñer o peche patronal coa boa saúde económica da empresa. Sargadelos vive unha época de “plena expansión”, segundo palabras do propio García na súa carta de dimisión, na que afirma deixar “unha empresa sen débedas, con ampla e recorrente tesorería, prestixiada no mercado”. De feito, a empresa abriu o pasado 20 de novembro unha nova tenda en Barcelona de 165 metros cadrados.

CIG, CCOO e UGT veñen de de elaborar un escrito conxunto para solicitar unha reunión urxente coa Xunta de Galicia. Buscan que as consellerías de Cultura e, sobre todo, de Emprego aclaren que se vai facer coa situacion das empregadas.

Ademais están a analizar as posibles vías para instar a Inspección de Traballo a actuar ante o que consideran un peche patronal e a obrigar a que todo o persoal poida regresar aos seus postos na fábrica. Se ben en abril xa presentaran unha denuncia, a Xunta denegoulles o dereito a representar ás traballadoras. Unha decisión que José Antonio Zan cualifica como unha “vulneración do dereito dos sindicatos a defender ao persoal”.

Este luns, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanzou unha advertencia pública a Segismundo García, instando a reanudar “de inmediato” a actividade na planta de Cervo.

A fábrica de Sargadelos en Cervo xa foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento. Trátase dun conxunto industrial, arquitectónico e artístico de enorme relevancia simbólica para Galiza. Esta protección, que garante a preservación física do complexo, debería implicar tamén un compromiso público para asegurar a continuidade dun legado que forma parte esencial da memoria colectiva galega.

Este medio solicitou á Consellería de Emprego que aclarase se contempla impoñer algunha penalización ou expediente sancionador á empresa por este peche, así como as medidas que está a valorar para garantir os dereitos económicos da plantilla ante o impago da nómina de novembro. Ata a publicación deste artigo, non se obtivo resposta. Pola súa banda, fontes contactadas na fábrica de Cervo indicaron que non están autorizadas a ofrecer información algunha sobre a situación actual.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...